Marchas fúnebres e o enterro do ensino público: a CIG chama a secundar un "decembro negro"

Protestas no marco da folga convocada. (Foto: Arxina)
A CIG-Ensino anima o profesorado a manter o espírito de loita e a secundar as dúas novas xornadas de folga convocadas para os días 16 e 17 de decembro, que serán a cuarta e quinta deste trimestre e que culminarán cun velorio e un enterro simbólicos da escola pública.

A CIG-Ensino chamou esta segunda feira a tinxir de negro os centros educativos galegos como sinal de loito polos recortes e polo que cualifica de desmantelamento progresivo do ensino público. A central sindical anima o profesorado a manter o espírito de loita e a secundar as dúas novas xornadas de folga convocadas para os días 16 e 17 de decembro, que serán a cuarta e quinta deste trimestre e que culminarán cun velorio e un enterro simbólicos da escola pública.

A xornada do 16 de decembro estará dedicada á organización, en distintas localidades, de marchas fúnebres entre centros educativos. A CIG-Ensino chama o profesorado galego, e tamén ás familias alí onde sexa posíbel, a participar nestas mobilizacións portando candeas, crespóns negros e outra simboloxía mortuoria. O obxectivo é socializar a nivel local un conflito que se desenvolve desde comezos de curso e facer visíbel, diante da comunidade educativa, a perda de profesorado nos últimos anos, o incremento de alumnado con necesidades sen atender, a redución de servizos e o deterioro xeral da calidade educativa.

O día 17 está prevista unha manifestación nacional en Compostela, con saída ás 11.30 horas desde o Parlamento galego e que atravesará a cidade simulando o enterro simbólico do ensino público galego. A CIG-Ensino solicita que as persoas asistentes acudan vestidas de negro e portando carteis e elementos fúnebres. A protesta coincidirá coa aprobación definitiva dos Orzamentos da Xunta, salvo cambios de última hora.

Ao longo deste "decembro negro", a central sindical desenvolverá diferentes actividades reivindicativas para visibilizar o que considera "dereitos roubados" ao profesorado e "os recortes do Goberno da Xunta". En paralelo, a CIG-Ensino impulsará unha campaña informativa dirixida á sociedade galega para explicar as demandas da táboa reivindicativa dun conflito que, ao seu xuízo, transcende o ámbito laboral e afecta de maneira directa á calidade do servizo educativo. Entre estas reivindicacións sitúanse a baixada inmediata de ratios no primeiro curso de todas as etapas a partir de setembro de 2026, a recuperación das 21 horas lectivas en Infantil e Primaria e das 18 no resto das ensinanzas, o incremento de persoal para atender a diversidade ou a dotación suficiente de profesionais de orientación en todos os niveis educativos.

A central sindical reclama tamén un plan efectivo para reducir a burocracia e aliviar a carga lectiva do profesorado que desempeña funcións de dirección, coordinación ou titoría; un acordo retributivo que permita recuperar o poder adquisitivo perdido desde 2010; melloras nas condicións do persoal interino e substituto, incluíndo o cobro do verán tras cinco meses e medio de traballo, e unha reforma da FP que blinde o seu carácter público fronte á crecente privatización que denuncia o sindicato. Xunto a todo isto, reclama unha política lingüística que free a perda de falantes e garanta o prestixio do galego no sistema educativo.

Nos días previos ás folgas do 16 e 17 de decembro, o persoal delegado da CIG-Ensino intensificará a actividade nos centros educativos, tanto nas habituais asembleas de recreo como noutras abertas que se están organizando en horario de tarde a nivel comarcal, co fin de facilitar a participación de máis profesorado. Ademais, a central chama a implicación das ANPAS, que desde comezos de curso están a protagonizar concentracións e mobilizacións pola falta de profesorado, para que se sumen ás accións previstas para a segunda quincena de decembro.