Terza feira 21 de maio

Marcha de traballadoras precarias do Sergas

Manifestación en defensa da sanidade pública en Compostela o pasado febreiro. Foto: Galiza Contrainfo.

A conflitividade na sanidade pública galega non enfría. Mentres o persoal dos PAC, en folga indefinida desde xaneiro, convocou para esta segunda feira unha vixilia contra os recortes, traballadoras e traballadores eventuais chaman a unha marcha de protesta a terza, 21 de maio.
 

A mobilización comezará ás dez da mañá perante o Parlamento de Galiza, en Compostela, e irá até a Praza do Obradoiro. Detrás da organización atópase o sindicato Profesionais da Sanidade Pública Galega (Prosagap), para o que a acción “deixará claro” que o persoal eventual do Sergas “non está disposto a seguir soportando tanto desprezo”.

 

“É hora de insistir con máis forza”, di a organización nas súas redes sociais, “deixar claro que merecemos unhas condicións de traballo dignas, estabilidade e que se nos trate en igualdade. Somos traballadoras e traballadores da sanidade pública e non escravos de ninguén”.

 

A primeira marcha do Prosagap, cuxo obxectivo principal é “a defensa dunha sanidade pública e de calidade” e “poñer fin ás privatizacións e externalizacións”,  contra a precariedade laboral no Sergas foi en 2016. O sindicato afirma ademais que o Sergas falta á verdade cando asegura que o persoal afectado polas condicións laborais que denuncia o sindicato é menor do 5%.