Manuel Reigosa, reitor da UVigo: "Se non se chega a un acordo, tamén nós reclamaremos Medicina"
—Comeza un novo curso marcado por diferentes polémicas, que retos ten agora a Universidade de Vigo?
Este é un ano no que vai todo moi ben, tivemos un éxito extraordinario en canto a estudantes que nos elixen como primeira opción, até 400 máis que o ano anterior, o que significa que a institución é cada vez máis recoñecida e creo que se fan moitas cousas ben. Xa non estamos enchendo tanto aulas con estudantes que nos consideran segunda ou terceira opción, senón que elixen de entrada as nosas titulacións. Isto é porque as titulacións son atractivas, pero tamén ten pola forma especial de tratar o estudantado, porque somos unha institución moi agarimosa, que se louva non só de ser pioneira en temas de igualdade entre homes e mulleres, tamén pola proximidade: é moi doado toparte un profesor, falar con el, pedirlle unha cita, facer unha titoría real. E, ao mesmo tempo, creo que todo o mundo xa se decata de que somos unha universidade moi investigadora. Desde a nosa creación no ano 90, dentro do proceso de creación das dúas novas universidades, en Vigo sempre se apostou por ese enfoque. E temos xa moitos resultados de investigación rechamantes, supoño que tamén atrae xente á nosa institución.
—Iso é sostíbel no futuro?
Pensando nun prazo máis longo, todo o sistema universitario galego vai ter unha dificultade importante a partir de 2028, porque a baixada de natalidade empeza a notarse nas aulas universitarias. O reto demográfico é tremendo e nese senso xa hai algúns deberes das nosas cidades para que sigamos sendo universidades atractivas.
—E cal debe ser ese gancho singular, a capacidade de investigación ou aumentar a especialización nalgunhas materias?
Neste momento creo que temos éxito en todos os ámbitos. Temos unha oferta pequena en Ciencias da Saúde, pero nas demais temos moita fortaleza. O máis diferencial noso dentro do sistema universitario galego son as titulacións de Tecnoloxía, tamén porque o sur de Galiza está máis especializado no sector industrial, con empresas desa natureza e iso forma parte do nacemento da nosa institución. Pero tamén no xurídico social, no humanístico ou no científico estamos pegando forte, competindo de forma moi salientábel co resto das universidades públicas do Estado.
—Catrocentos alumnos e alumnas máis neste curso 2025/2026, e aínda segue sen resolverse o permanente problema de financiamento.
Agora mesmo teríamos que estar empezando a negociar o seguinte plan de financiamento plurianual, que é algo que temos na Galiza e que envexan outras comunidades. Ao ser planos de financiamento a varios anos podemos tranquilamente programar cal vai ser o funcionamento da institución durante ese período.
Certo que pode haber oscilacións, dependendo de situacións como a economía global, que poden afectar o plan de financiamento, tamén do éxito de matriculación de alumnado ou a posición que ocupemos nas clasificacións segundo o ben ou mal que fagamos as cousas. Pero estamos esperanzados porque o seguinte plano de financiamento, que debería ter vigor a partir do ano 2027, debería estar na senda que marca a lei orgánica do sistema universitario, que fala de investir 1% do PIB. Se se cumpren esas premisas estariamos a falar dun desafogo importante, porque suporía que o novo plan de financiamento será máis xeneroso para o sistema universitario galego que o actual.
—E no financiamento só están os recursos públicos ou tamén a colaboración con empresas?
Hai unha parte moi importante dos nosos orzamentos que teñen que ver coa captación que se fai. Creo que a aposta pola investigación e pola transferencia, que sempre foi importante na Universidade de Vigo, está a proporcionarnos unha parte moi importante do orzamento, porque os nosos investigadores e investigadoras son moi exitosas. Captamos moitos fondos europeos, fondos estatais, estamos tendo un éxito extraordinario nos programas que significan colaboración público-privada e isto significa que hai máis cartos para facer máis cousas.
—Contan con algunha estatística da empregabilidade do alumnado ao rematar os estudos?
Hai un estudo que fai o noso Consello Social pero agora leva certo atraso. Os datos dos que dispomos son moi positivos na empregabilidade a dous anos. Mellora para a xente que fai mestrado e aínda mellora máis en quen fan doutoramento. Iso amosa que a universidade continúa a ser un ascensor social que permite que a xente atope un destino profesional cada vez máis elevado canto máis estudos universitarios faga. E o axuste que imos facendo ano tras ano dentro do sistema global da Galiza para que a oferta e a demanda estean moi relacionadas fai que cada vez teñamos máis éxito.
—Nos anos noventa o sistema das tres universidades naceu con polémica sobre se a división sería positiva. Agora ese debate quedou circunscrito aos estudos de Medicina. A iniciativa da Universidade da Coruña muda o escenario?
Muda no senso de que, até o de agora, todo o que ten que ver con titulacións íase acordando coa Consellaría en común coas tres universidades. Tentabamos avanzar en novas titulacións segundo as especializacións de cada universidade. Foi moi boa idea que cada unha tivese unha determinada liña de especialización principal e poder estabelecer sinerxías entre as titulacións existentes. Por exemplo, en Pontevedra temos un campus de creatividade e, loxicamente, precisamos aí ter titulacións relacionadas. Aquí en Vigo hai unha aposta máis forte polas titulacións do eido tecnolóxico. Coa proposta da Coruña digamos que se rachan os acordos e hai que tentar que se reconduza en positivo. Porque é certo que o acordo ao que se chegara no ano 2015, que foi asinado con moita ledicia polos tres reitores [ningún deles está agora mesmo nas respectivas reitorías], non serviu porque seguramente faltaban algúns elementos. Agora estamos a traballar para ver se é posíbel chegar a un acordo que permita que estea máis partillada a docencia de Medicina, cando menos a do segundo ciclo, tanto en Vigo como na Coruña. Se somos quen de chegar ese acordo, será bo para todos e mellorará a docencia. A Universidade de Vigo está disposta a facer o esforzo tamén de pór profesorado nesa titulación.
—E se non hai acordo?
Cando non hai acordo, hai pelexa. E se hai que pelexar, nós tamén pelexaremos. Se se rachan as conversas e non somos quen de chegar a un acordo, tamén reclamaremos a titulación de Medicina para a Universidade de Vigo. Porque agora mesmo o escenario é que Santiago quere permanecer como referente único, A Coruña quere creala e a posición de Vigo é a que está un pouco insistindo no consenso. O acordo ao que se chegou en 2015 non serviu porque non marcaba datas nin procedementos sobre a docencia compartida. É dicir, que en Vigo puidésemos, partillando o profesorado das tres universidades, facer un uso intensivo fundamentalmente do Hospital Álvaro Cunqueiro e de todo o sistema sanitario do sur da Galiza, tamén de Ourense e Pontevedra, aproveitando todo aquilo que temos na Galiza e poida servir para que a formación sexa óptima. E entre manterse nunha posición centralista e rachar os consensos, nós somos máis de consensos.
—Hai exemplos deses consensos noutras areas?
Con Intelixencia Artificial temos unha titulación partillada entre as tres universidades que se imparte en Ourense, en Santiago e tamén en Coruña. O título é común, o estudantado pódese mover, se lle gusta máis a especialidade que hai noutro campus despois de facer a primeira parte dos estudos no campus que elixiron inicialmente. Creo que iso é bo e pódese facer con naturalidade. Medicina, aínda recoñecéndolle un carácter máis simbólico, podería funcionar igual.
Pero, nese senso, creo que o posicionamento da Universidade de Vigo e o posicionamento meu como reitor é de intentar achegarse aos máximos consensos e se non é posíbel reivindicaremos ter unha facultade propia de Medicina en Vigo. Pensamos que o sistema universitario está para servir a Galiza e non ás liortas internas, deberíamos solucionalas de xeito interno. Moitas veces pelexamos por titulacións, pero ninguén se decata e unha vez que hai un acordo, o acordo deféndese por parte de todos e creo que esa é unha boa liña de traballo.
—Vostede está de saída do reitorado no vindeiro maio.
Tócanos gobernar até o último día. Non hai cesuras, non hai paradas, imos presentar orzamentos e defenderémolos e espero que se aproben, imos seguir loitando por ter novas titulacións dentro dos tres campus, imos pelexar polo plan de financiamento. Ao final do mandato haberá algunhas cousas que será mellor deixar que sexa o equipo que gañe nas urnas o que tome as decisións finais. Pero fraco favor lle faríamos á institución se non empezamos a traballar no plano de financiamento, no mapa de titulacións e noutras cuestións que non debemos parar. En cousas como a loita por Medicina, si que hai unha afectación clara. A Universidade de Santiago de Compostela ten eleccións dous meses antes ca nós. Un reitor saínte quizais prefira dicir, eu aposto pola descentralización e despois xa lle deixo a pataca quente ao que veña.
"A moratoria do eucalipto debe manterse", sinala o reitor da UVigo
Como especialista en bioloxía vexetal e estudos edafolóxicos, Manuel Reigosa tamén opina sobre a vaga de incendios e a necesidade de manter a moratoria sobre a extensión do eucalipto, "a gravidade do que sucedeu ten moi diferentes, non é a menor o cambio climático. Non son especialista nos lumes forestais pero hai mudanzas que facer que teñen que ver coa prevención, co coidado do monte, e os especialistas poden facer recomendacións e teranse que mudar moitas cousas". O eucalipto, engade, "como moitas das especies alóctonas traídas de fóra e que se utilizan porque son de crecemento rápido, é unha especie que utiliza moitísima auga, unha especie que favorece que haxa lumes. E compórtase co oportunismo da súa adaptación e así vemos como os botóns de eucalipto, unha vez que pasan os fogos inmediatamente xermolan e medran. Non é unha especie que axude a unha política de detención de lumes forestais, iso está claro. Á parte do empobrecemento da contorna, crea zonas onde é moi difícil para as especies tanto vexetais como animais, vivir". Reigosa confesa que "se me tocase a min esa decisión, diría que hai que continuar mantendo a moratoria" ao eucalipto.