Manuel Martín: “Non é posíbel que a poboación teña que agardar 15 días ou case un mes para ser atendida nun centro de saúde”

Manuel Martin. (Foto: Nós Diario)
Manuel Martín é un dos portavoces da plataforma SOS Sanidade Pública, a cal convocou este domingo unha manifestación nacional en Compostela para defender unha sanidade galega pública e de calidade.  

—Este domingo desde a plataforma SOS Sanidade Pública tedes convocada unha manifestación en defensa dun sistema sanitario de calidade na Galiza. Como enfrontades a mobilización? 
Parece, por todo a información que estamos recollendo dos colectivos e das localidades, que vai ser unha gran mobilización. As plataformas locais están moi activas, en algúns casos están facendo feches nos centros de saúde como foi no Condado-A Paradanta ou en Seixo-Marín. Hai bastantes autobuses flotados e varios concellos fixeron declaracións ou ben aprobaron en pleno o apoio á manifestación. Ao igual que as Deputacións gobernadas pola esquerda.  

Pensamos que todo isto fará que haxa moita xente na manifestación, cousa que é lóxico dado que cada vez a poboación está máis danada polas políticas da Xunta da Galiza. Tendo graves problemas para ir aos centros de saúde, para acceder aos PAC, coas longas listas de agarda,... En fin, a situación é tan grave que a poboación vai responder o chamamento das organizacións que convocamos a mobilización.  

A dúbida máis importante vai ser o tempo. As borrascas, os temporais e a choiva fan pensar que a xente terá problemas para acudir. Mais agardamos que iso non aconteza e a que a xente veña porque estamos a defender un dereito tan importante como é a sanidade pública. A pesar da choiva, temos que facer chegar a Xunta da Galiza e a Consellaría de Sanidade que a cidadanía non está disposta a aturrar este desastre no que están a converter un sistema sanitario que funcionaba razoabelmente. 

—Falaba vostede dos problemas que hai no sistema sanitario público. Cales son as principais reclamación desde SOS Sanidade Pública? 
A principal demanda é denunciar que non é posíbel que a poboación teña que agardar 15 días ou case un mes para ser atendida nun centro de saúde. Iso é inaceptábel, ao igual que acontece coa xente que está enferma e está pendente dunha intervención quirurxica ou dunha consulta cun profesional especializado.  

Son listas de agarda falsas, son mentira, a realidade non é o que di a Xunta, senón que hai un 40% máis da poboación que está en espera de ser atendida. Isto conforma un malestar moi grande e probabelmente sexa un dos principais problemas que temos na sanidade pública galega.  

Tamén hai outros problemas moi graves como é a derivación de pacientes en cantidades inxentes aos centros privados que están nas mans de multinacionais e empresas privadas, que son amigos e cómplices da Xunta.  

—Neste senso, desde a Plataforma teñen denunciado en varias ocasións o aumento dos fondos destinados á sanidade privada. Como afecta o sistema público a privatización sanitaria? 
A culpa e o responsábel do desmantelamento do sistema sanitario é o diñeiro, a complicidade e a alianza entre as multinacionais e a administración sanitaria da Xunta da Galiza, gobernada polo PP. 

Máis de 40% dos ingresos dos hospitais privados proveñen do diñeiro público. Se os cartos públicos non fosen destinados aos centros privados, o cambio sería impresionante. Habería máis diñeiro para contratar máis persoal, para ampliar os centros, para aumentar o números de camas, as cales foron reducidas de maneira importante pola Administración do PP. Esta é unha parte importante do colapso das urxencias sanitarias.  

— Ao longo de 2025 agromaron moitas mobilización locais, tanto semanal como quincenalmente, para denunciar os recortes sanitarios nos centros de saúde dos concellos. Pensas que estas concentracións son unha mostra de que a sociedade galega é consciente do estado no que se atopa o sistema sanitario galego? 
Antes tiñamos un problema para trasladar a opinión pública e a xente os problemas que había coas listas de agarda. As listas de agarda inflúen especialmente para as persoas que teñen doenzas e que precisan unha atención máis exixente do sistema sanitario. Porén, agora todo o mundo é consciente da situación. Porque cando quere ir ao centro de saúde a unha cita co seu médico de familia o que se atopa é que non pode. A inmediatez que tiña antes a atención sanitaria desapareceu.