Manuel Martín, médico e portavoz de SOS Sanidade: "Hai que incrementar e racionalizar o gasto sanitario"

Manuel Martín é médico de Atención Primaria. (Foto: Nós Diario)
A Plataforma SOS Sanidade Pública volverá tomar as rúas de Compostela este domingo nunha manifestación "contra a privatización e o desmantelamento" que, segundo denuncia, vive o Servizo Galego de Saúde (Sergas). 'Nós Diario' fala co seu portavoz, o médico Manuel Martín.

Este domingo a capital galega vivirá outra manifestación pola sanidade pública galega. Cal é o obxectivo de ocupar de novo as rúas da capital galega?
O obxectivo é facer chegar á Xunta da Galiza, á Consellaría de Sanidade e ao Sergas o rexeitamento social polo desmantelamento e privatización do sistema sanitario público galego. Por outro lado, motivar e informar á poboación da necesidade de non baixar os brazos.

Hai que seguir pelexando para evitar perder unha das principais necesidades da poboación como é a defensa da súa saúde. Que esta sexa pública, universal, equitativa, gratuíta no uso e que permita afrontar con tranquilidade os riscos sanitarios.

Cales son os problemas máis urxentes que ten a sanidade pública galega?
Os problemas máis urxentes que ten a sanidade pública galega son a dificultade de acceso á Atención Primaria que é o eixo e a base do sistema sanitario público. As persoas que queren acceder teñen problemas para contactar cos centros. Cando queren contactar atópanse con que teñen que agardar unha semana ou máis para ser atendidos polas médicas, médicos ou enfermeiras.

Ademais, cando se dá o contacto case a metade das consultas non son presenciais, non hai unha relación directa entre paciente e profesional.

Alén diso, hai unhas lista de agarda absolutamente inaceptábeis. Medraron moito desde a pandemia e, ademais, están manipuladas, falsificadas posto que máis de 30% ou 40% das persoas que están en listas de agarda están ocultas nas que son non estruturais. 

Que debería facer o Goberno galego, en particular a Consellaría de Sanidade, para solucionalos?
En primeiro lugar debería incrementar e racionalizar o gasto sanitario. Destinar 25% do gasto á Atención Primaria e pór en marcha un plan urxente para abordar as listas de agarda que pase, fundamentalmente, pola utilización plena dos recursos sanitarios dos hospitais como son os quirófanos, os servizos de diagnósticos e consultas para que a poboación teña un acceso máis rápido á atención hospitalaria.

Sobre todo para evitar que a maior parte das persoas en listas de agarda remate nos hospitais privados concertados. E, ademais, pór en marcha un servizo de saúde pública que se preocupe da promoción, da prevención e de preparao o sistema para posíbeis pandemias.