A mocidade galega "pasa á ofensiva" para defender o seu futuro: convocada a manifestación xuvenil do 24 de xullo

Acto de presentación da manifestación do 24 de xullo. (Foto: Nós Diario)
Mocidade pola Independência chama a artellar "un movemento organizado que loite en cada recuncho do país para construirmos unha República Galega libre de explotación".

A Mocidade pola Independência fixo esta cuarta feira un chamamento a participar o vindeiro 24 de xullo da manifestación xuvenil que tomará as rúas de Compostela —con saída ás 20 horas da Alameda— baixo o lema 'A mocidade galega pasando á ofensiva'.

"Repítese a historia, ano tras ano cada véspera do Día da Patria, a mocidade independentista sae á rúa a denunciar que somos nós, e a nosa clase, quen está a pagar as consecuencias dunha nova crise", sinalan desde a organización, a través dun comunicado.

Así, salientan que o momento actual, "como toda crise capitalista", ten dúas consecuencias: "A acumulación da riqueza en menos mans e ataques directos, a través das reformas 'neoliberais', contra os dereitos da clase obreira".

No caso concreto da Galiza, apuntan que estas medidas buscan "o desmantelamento do tecido industrial" para "substituílo principalmente polo sector turístico", polo que a mocidade galega, aseguran, queda relegada a "traballo temporal e salarios ínfimos", que, sumados á inflación, "fan misión imposíbel cubrir as necesidades básicas".

Alén da "precarización" dos empregos, sinalan como outro impacto negativo desta aposta no turismo o "aumento de pisos turísticos".

"Á dificultade de poder disfrutar dunha vivenda digna únese o encarecemento dos bens básicos. Os nosos salarios seguen conxelados mentres a suba dos prezos do gas, a luz, a gasolina e da cesta da compra é continua", lamentan.

Namentres, a saúde mental das persoas mozas "empeora a pasos axigantados". "Os servizos públicos están a sufrir constantes recortes para xustificar a privatización e así poder especular e facer negocio coas nosas necesidades básicas", engaden.

De seguir así a situación, "a mocidade galega non ten futuro", advirten, ao tempo que fan un chamamento a "artellar un movemento popular que poida acabar con este sistema decadente".

"Un movemento organizado que loite en cada recuncho do país para construirmos unha República Galega libre de explotación. Unha Galiza ceibe, na que rematemos coa miseria, coas agresións machistas e LGTBIfóbicas, co espolio dos recursos naturais e con toda inxustiza", conclúen desde Mocidade pola Independência.