A MMM convoca en solitario unha manifestación para o 8-M en Compostela tras as "condutas transfóbicas" do 25-N

Unha muller portando un cartaz na manifestación do 8 de marzo de 2023 en Santiago. (Foto: Arxina)
"Lamentabelmente, houbo quen aproveitou esa convocatoria conxunta [do pasado 25 de novembro] para amosar condutas transfóbicas, algo que desde a Marcha Mundial das Mulleres non toleraremos", afirma o colectivo nun comunicado.

A Marcha Mundial das Mulleres de Santiago de Compostela vén de convocar a manifestación do vindeiro 8-M, Día da Muller, con saída ás 20 horas desde a Praza 8 de marzo da capital galega, cun percorrido semellante ao dos últimos anos, rematando na Praza de Praterías. A convocatoria realízana en solitario alegando o sucedido na mobilización do pasado ano na mesma data, tamén da man só da MMM "pola disensión existente con outros colectivos na abordaxe da cuestión trans".

E naquela marcha, afirman hoxe a través dun comunicado remitido aos medios, "púidose comprobar o porqué desa convocatoria separada". Malia iso, ante a "confusión" vivida o 8 de marzo e "en aras da unidade do feminismo", en novembro do pasado ano, de cara á manifestación do 25-N contra as violencias machistas, a Marcha Mundial acordou "dar pasos para acadar unha manifestación única", como así foi.

"Mais, lamentabelmente, houbo quen aproveitou esa convocatoria conxunta para amosar condutas transfóbicas, algo que desde a MMM non toleraremos", advirte o colectivo feminista. Por iso, "ante o coñecemento de feitos moi desagradábeis acontecidos nesa manifestación do 25-N de 2023", entre os que concretan "insultos ao colectivo LGTB+", a organización, que se define como "transincluínte", considera que non pode convocar conxuntamente cos outros colectivos implicados, "que acollen persoas con esas condutas transfóbicas".

"Tentamos estabelecer diálogo con eses colectivos pero non foi posíbel, quedando silenciadas as nosas peticións e propostas en aras dun interese común, que é a defensa da igualdade e dos dereitos das mulleres", din. Deste modo, a MMM de Compostela comunicou á Subdelegación do Goberno estatal a convocatoria desta manifestación para o vindeiro 8 de marzo, con saída ás 20h desde a praza homónima.

Convocatoria do 'bloque abolicionista'

Outros colectivos como a Plataforma do Feminismo Radical da Galiza e os que conforman o denominado 'bloque abolicionista' convocaron tamén outra mobilización de cara ao 8-M "con saída da mesma praza". Desde a MMM cren "que se repetirán os actos boicoteadores do pasado ano 2023, cando convocando esa plataforma para as 19h da tarde, atrasaron a saída para as 20h co motivo de confundir as persoas que acudían á manifestación da MMM". Unhas "condutas transfóbicas" que desde o 'bloque abolicionista' negan.