Máis unha sentenza contra a Xunta: terá que pagar a extra de decembro ao profesorado

[Imaxe de arquivo: SG]

Outras resolucións xudiciais recoñeceron o dereito d@s traballador@s do Sergas ou da CRTVG a recibiren pagas extras que lles foran anuladas aplicando de maneira retroactiva un decreto español.

 

A Xunta da Galiza terá que pagar unha parte da extra de decembro ao persoal docente da consellaría de Educación. Así o dispón unha sentenza ditada polo xulgado do contencioso-administrativo nº1 de Pontevedra, que se refere de maneira exclusiva ao profesorado de ensino secundario.

A resolución xudicial vén anular a aplicación retroactiva que o departamento de Jesús Vázquez fixo cunha norma española, o RD 20/2012, do 13 de xullo, e recoñece o dereito d@s empregad@s públic@s á paga extraordinaria que lles fora negada. A devandita norma é a mesma que suprimiu, entre outros, os días de antigüidade e os días de asuntos propios, deixando sen efecto todos os acordos sindicais adoptados até ese momento. 

Así as cousas, esta nova sentenza --a primeira no eido do ensino-- deuse a coñecer o 30 de xaneiro, o mesmo día en que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, explicaba que o seu goberno non devolvería ningunha extra de non haber unha resolución firme. Contra o ditame do xulgado pontevedrés non cabe recurso. 

Non é a primeira vez que as instancias xudiciais dan a razón aos e ás empregadas públicas organizadas nas centrais sindicais CIG, CC.OO, CSI-F e UGT, con maioría en representación na función pública. O Goberno galego foi obrigado a abonar pagas extras ao persoal do Sergas e tamén da CRTVG.

Os catro sindicatos esixirán o vindeiro 3 de febreiro á consellaría de Facenda o reembolso das correspondentes cantidades. O decreto entrou en vigor o 15 de xullo de 2012, polo que non se pode aplicar ao periodo que vai desde o 1 de xuño até o 14 de xullo, cando a Xunta estaba obrigada a realizar os pagamentos.