Presentación dun libro cos manifestos de Nunca Máis

'Máis Nunca Máis'

Entrada á exposición Máis Nunca Máis no Palexco da Coruña. Imaxe: cedida.

Así se titula o volume: Máis Nunca Máis. Edítano Difusora de Letras, Artes e Ideas e mais o colectivo Radio Buguina. Recolle textos e manifestos da órbita de Nunca Máis e Burla Negra, case 17 anos despois do afundimento e catastrófica xestión política do Prestige. Preséntase esta terza feira, ás 20 horas, na sala municipal do Palexco da Coruña.
 

Polas páxinas de Máis Nunca Máis desfilan algunhas sinaturas célebres, por caso as dos escritores uruguaios Mario Benedetti e Eduardo Galeano, a do portugués José Saramago, e, por suposto, de galegos coma Manuel Rivas, Suso de Toro, Manuel Lourenzo ou Xosé María Álvarez Cáccamo. Pero o libro serve ademais de repositorio de documentos anónimos ou de diversos colectivos.

 

“Neles está a memoria daquela loita contra a incompetencia dos gobernantes, que fixeron dun accidente a catástrofe da marea negra do Prestige”, explican os organizadores do acto de presentación, que contará coas intervencións de Rivas -autor do prólogo da obra-, Xosé Lois Vázquez -o editor-, Xurxo Souto -autor do epílogo-, o músico Pulpiño Viascón e mais Celtia Sar.

 

Foi Sar quen, en 2002, redactou unha carta dirixida ás deputadas e deputados do Congreso que comezaba: “Señoras e señores Deputados: chámome Celtia, teño 10 anos e vivo en Muxía, que é a primeira zona á que chegou o chapapote. Nesta época do ano estariamos escribindo a carta aos Reis Magos, pero polas circunstancias que estamos sufrindo desgrazadamente terémosvola que escribir a vós”.  

 

A presentación do libro enmárcase dentro da programación da exposición Máis Nunca Máis, da asociación cultural Unha Gran Burla Negra, inaugurada o pasado 17 de xaneiro e aberta deica o 3 de marzo no Palexco da Coruña.