Máis de mil contaxios rexistrados en 24 horas: volven as cifras da terceira vaga

Xente de paseo pola vila de Sanxenxo nunha imaxe de arquivo. (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press)

Repuntan as hospitalizacións en planta (+8) e nas UCI (+4)

Os novos contaxios de Covid-19 disparáronse ao chegar ao ecuador de xullo a 1.097, que supón a cifra máis alta desde o inicio deste verán no marco da quinta onda, e os casos activos repuntan a 7.208. Mentres, os pacientes ingresados por este coronavirus increméntanse a 79, unha ducia máis, e a taxa de positividade sobe lixeiramente a un 9%.

Segundo os datos publicados esta quinta feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas desta cuarta feira, recollidos por Europa Press, aumentan a 14 as persoas ingresadas en UCI pola Covid-19 -catro máis- e soben a 65 as que se atopan noutras unidades de hospitalización -oito máis-. Pola súa banda, 7.129 pacientes permanecen en seguimento no seu domicilio.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria aumenta nas de Vigo, Ourense, Lugo e A Coruña e Cee; descende nas de Pontevedra e O Salnés e Santiago e Barbanza e mantense na de Ferrol.

Ao comparar estes datos cos de hai unha semana, supoñen case 4.000 máis que o pasado 8 de xullo cando había 3.231 infeccións activas

Os casos activos repuntan a 7.208, que supoñen 910 máis que a xornada anterior, ao haber de novo máis contaxios (1.097) que altas (185), ao que se engaden dous falecementos.

Así, mantense a tendencia ascendente por vixésimo segunda xornada consecutiva. Ao comparar estes datos cos de hai unha semana, supoñen case 4.000 máis que o pasado 8 de xullo cando había 3.231 infeccións activas.

Por áreas sanitarias, as infeccións activas aumentan no sete de novo, na de Vigo de forma máis acusadas (+202); seguida da de Ourense (+186); Santiago e Barbanza (+146), Pontevedra e O Salnés (+146); A Coruña e Cee (+105); Lugo (+92) e Ferrol (+33).

En canto aos novos contaxios de Covid-19 en Galiza disparáronse por riba do milleiro a 1.097 -que implican 331 máis que o día anterior- após manterse as dúas últimas xornadas por riba dos 700 e após iniciar esta semana con 630.

En toda Galiza foron confirmados 1.082 positivos por Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA) nas últimas 24 horas (que poden corresponder a casos activos doutras xornadas aos que se realiza unha nova proba diagnóstica), segundo os datos actualizados por Sanidade, 302 máis que a xornada pasada, dos cales 227 corresponden á área de Vigo; 214, á de Ourense; 183, á de Pontevedra e O Salnés; 165, á de Santiago e Barbanza; 149, á da Coruña e Cee; 105, á de Lugo; e 39, á de Ferrol.

En canto á taxa de positividade das PCR aumenta lixeiramente a un 9% tras descender a un 8,6% o día pasado despois de dispararse a un 13,2% a xornada anterior e comezar a semana nun 8%. Deste modo, continúa por riba dese 5% que establece a OMS para dar por controlada a pandemia, un limiar que Galicia, até a semana pasada, non superaba desde o 15 de febreiro.

Polo seu lado, as persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio da pandemia aumentan a 2.441, após notificar Sanidade esta cuarta feira dúas novas vítimas despois de seis xornadas sen comunicar mortes. En concreto, esta cuarta as autoridades sanitarias galegas informaron da morte de dúas anciás de 88 e 100 anos.