"Máis mestres e menos recortes": A Pobra do Brollón reclama en Compostela medios para a súa escola
A ANPA Outeiro do CEIP Pobra do Brollón (Terra de Lemos) manifestouse esta sexta feira en Compostela, diante do edificio da Xunta da Galiza para protestar contra a Consellería de Educación polos recortes de profesorado no centro docente. Nais e pais, estudantes, docentes, e representantes municipais como o alcalde, José Luís Maceda (BNG) e o voceiro socialista, desprazáronse na mañá desta sexta feira en autobús até a capital galega logo de remitir ao Executivo galego numerosos escritos e requirimentos desde o mes de agosto, aos cales Educación aínda non deu resposta.
Esta sexta feira, logo duns minutos concentrados na entrada de San Caetano, a presidenta da ANPA Outeiro pediu in situ unha nova xuntanza co director xeral de Centros e Recursos Humanos da Consellería de Educación, Jesús Manuel Álvarez Bértolo. Desde a Xunta comunicáronlle que non estaba no edificio e finalmente foi recibida polo subdirector xeral deste departamento. Xosé Carlos Barros, que escoitou as demandas da ANPA e comprometeuse a “volver transmitilas” aos seus superiores.
A presidenta da ANPA Outeiro agradeceu que “polo menos alguén” da Consellaría de Educación “nos recibira” aínda que destacou que do encontro só sacou “boas palabras, dicirllo de novo ao director xeral e non aseguraba nada”.
Tamén aproveitou a ANPA para volver meter por rexistro na sede central da Xunta en San Caetano catro novas instancias reclamando o profesorado que falta no centro docente, e que Educación “deixe de mirar só as ratios cando se trata de colexios rurais, porque cumprir coas súas ratios no noso caso é a morte do noso colexio”.
A “morte” dos centros escolares do rural
Dende a Anpa denunican que a aplicación progresiva dos criterios da Consellaría de Educación “matará” os centros escolares do rural, cando “o que necesitamos son servizos para que a xente non marche”. Critican que os agrupamentos levados a cabo pola Xunta neste curso mesturen nunha mesma aula alumado de terceiro até sexto de Educación Primaria“aínda que sexan 16 é imposíbel atendelos”, explican desde a ANPA Outeiro.
A maiores Educación restou un profesor este curso no centro, co cal a situación é “cada vez peor”. Explicaron as nais e pais a Nós Diario que “levamos desde agosto presentando escritos e pedindo reunirnos co director xeral de Centros e Recursos Humanos na Consellaría de Educación”, sen resposta algunha por parte da Xunta nin visos de arranxar a situación do seu centro docente.
Esta sexta feira en Compostela, ducias de escolares da Pobra do Brollón concentráronse diante da Xunta con cartaces feitos por eles mesmos nos que se podía ler “Non á agrupación”, “A educación é un dereito”, “Máis axudas para os nenos do rural” ou “Máis mestres e menos recortes”.