Máis dun cento de persoas len en Ourense os nomes das máis de 18.5000 nenas e nenos asasinados en Gaza
Desde o nome de Noura Walid Abdulsalam Shaheem, unha bebé de menos de un ano de vida, até o de Iman Ibrahim Fathi Al-Bardawil, un rapaz de 17 anos, máis de cen voluntarias e voluntario lerán durante 18 horas os nomes de 18.500 crianzas asasinadas por Israel na Faixa de Gaza.
Máis dun cento de ourensáns participan durante toda a xornada da sexta feira, 19 de setembro, na lectura dos nomes das 18.500 nenas e nenos palestinos asasinados por Israel na Faixa de Gaza desde o comezo da ofensiva. Está previsto que a acción dure máis de 18 horas e, polo tanto, se estenda até a madrugada do sábado.
As escaleiras de Santa María, na praza Maior de Ourense, son o escenario da acción 'O nomes', cuxo obxectivo é "denunciar o xenocidio e a limpeza étnica que está perpretando Israel sobre unha poboación indefensa", resume a organización, encabezada por 'Radio Liverdade'.
Ás 8.00 horas, o de Noura Walid Abdulsalam Shaheen, unha bebé que aínda non fixera un ano de vida, foi o nome que abriu a lectura da lista das 18.500 crianzas palestinas asasinadas durante a ofensiva de Israel sobre a Faixa de Gaza até o mes de xullo, segundo datos do Ministerio de Sanidade gazatí.
A día de hoxe poderían ser máis de 20.000 as nenas e nenos falecidos por efecto das bombas ou as balas, a fame ou a falta de asistencia médica nun territorio arrasado e illado por Israel, que bloquea a chegada de axuda humanitaria.
A organización do evento solidario fraccionará as quendas de lectura para que máis persoas poidan participar nesta acción. A lectura simbólica desta listaxe xa decorreu en diversas cidades do mundo, como en Madrid a pasada segunda feira. Fecha a listaxe o nome de Iman Ibrahim Fathi Al-Bardawil, asasinado aos 17 anos de idade, pode durar máis de 18 horas.