Terceiro trimestre 2021

Máis da metade dos fogares galegos ten dificultades para chegar a fin de mes

Vivendas en alugueiro, [Imaxe: Laura R. Cuba]
Un de cada tres fogares non se permitiu ningún gasto 'extra'

Un 52,22% dos fogares galegos ten dificultades ou moitas dificultades para chegar a fin de mes, segundo os datos publicadospolo Instituto Galego de Estatística (IGE) relativos ao terceiro trimestre de 2021. Esta taxa supón un descenso de dous puntos respecto dos anteriores tres meses, mais computa un lixeiro incremento fronte ao mesmo período de 2020.

Así, os fogares que chegan con facilidade ou moita facilidade sitúanse no 47,78%, tres puntos máis que no segundo trimestre (44,18%), aínda que por baixo de hai un ano (48,18%).

Se se toma como referencia o terceiro trimestre de 2020, crecen máis de dous puntos os fogares con dificultades

En comparación co segundo trimestre deste ano, os fogares que chegan con dificultade a fin de mes aumentan (pasan do 46,81% ao 47,05%), aínda que os que contan con moitas dificultades diminúen (do 9% ao 5,17%).

Se se toma como referencia o terceiro trimestre de 2020, crecen máis de dous puntos os fogares con dificultades, mentres descenden dous puntos o que teñen moitas dificultades.

Paralelamente, o 35,2% dos fogares galegos non se permitiu ningún gasto extra -como vacacións, imprevistos ou saír a cear, entre outros- nos últimos tres meses.

O 9,3% dos fogares galegos cambiou de hábitos de compra con produtos de marcas branca ou de oferta. Así mesmo, o 8,34% reduciu gastos comúns, como roupa ou transporte.

Xunto a isto, case o 40% ten pensado aforrar no próximos tres meses. O 15,55% dos galegos están a pagar a vivenda na que habitan, un 8,36% o coche e o 2,4% unha segunda vivenda.