Máis control e menos transparencia: a CIG-Ensino alerta de novos recortes na atención á diversidade

Un alumno de Primaria recolle a súa mochila antes de entrar na aula. (Foto Arxina)
O sindicato alerta da imposibilidade de fiscalizar as decisións políticas da Consellaría de Educación e dunha sobrecarga burocrática para os centros.

A Consellaría de Educación, que dirixe Román Rodríguez, deu a coñecer esta quinta feira, 26 de xuño, unha nova resolución "sen previo contraste nin negociación coa representación legal do profesorado", que incide, segundo salienta a CIG Ensino nun comunicado "na bunkerización dos cargos políticos, unilateralidade na toma de decisións e imposición de controis de carácter político sobre as necesidades de persoal especialista de Pedagoxía Terapéutica e de Audición e Linguaxe nos centros". 

 O sindicato maioritario no sector do ensino da Galiza asegura que as instrucións da consellaría "adoecen de importantes eivas" e seguen sen dar resposta á necesidade de incremento dos cadros de persoal para mellorar a inclusión e a atención do alumnado máis vulnerábel, unha das principais demandas sociais no eido educativo.

Ademais, precisan, limitan o "control sindical" e a posibilidade de fiscalizar as "decisións políticas" da consellaría. Así, sinalan desde a CIG-Ensino, a Administración estabelece un novo sistema de tramitación e control das peticións dos centros que "elimina o concurso específico de prazas de atención preferente", que priva a centros e sindicatos de coñeceren con antelación as prazas a ofertar.

O subdirector xeral da Inspección Educativa, no medio

Educación nomeará unha comisión "técnica" encargada de decidir se se conceden máis especialistas de PT e AL e que para o sindicato "é claramente de carácter político, ao estar composta por tres altos cargos de libre designación". e Un dos tres integrantes desta comisión, advirte a CIG-Ensino, "é o actual subdirector xeral de Inspección e Avaliación do sistema educativo, Enrique Prado Cueva", no albo da polémica tras pedir a CIG-Ensino o seu cese por unha serie de escritos nos que denigra o profesorado, cualificándoo como "clase ociosa que só espertará se ve perigar o seu posto de traballo e os seus privilexios” e que considera a inclusión educativa como unha "presión curricular" que "debería ser analizada con moito coidado", evitando "os principios inoperantes do progresismo".

Para a CIG-Ensino "apoiar esta persoa como fixo o Goberno galego é impropio dun goberno democrático" e colocalo nunha comisión destas características "é poñer o raposo a coidar das galiñas".

O sindicato nacionalista censura a falta de transparencia nas decisións da consellaría e de mecanismos de control sobre as súas resolucións "relegando por completo a estrutura da orientación educativa, tanto a dos centros educativos como a dos equipos específicos". Pola contra, sinala, increméntase a burocracia para as direccións e para os departamentos de orientación.

A dotación "extraordinaria" de especialistas en AL e PT, conclúe o sindicato, "limítase ao alumnado con necesidades educativas especiais. Nada se di do alumnado con necesidades educativas de apoio específico, que engloba outros perfís –altas capacidades, alumnado migrante acabado de chegar– e ao que en moitas ocasións non se dá atendido polo insuficiente número de docentes especialistas".

As propostas do sindicato

Fronte a "esta nova imposición" a CIG-Ensino que se articule un sistema que dote de control e transparencia todo o proceso. Pide a publicación dunha listaxe con todas as prazas que se prevé autorizar extraordinariamente, a negociación desas prazas e a dotación de máis especialistas de PT e AL fixos en todos os centros.

"O camiño para mellorar a atención á diversidade pasa precisamente por dotar os centros con máis profesionais de PT e AL e de orientación con carácter fixo, evitando os parches temporais aos que nos ten acostumado esta Administración".