Máis catro independentistas serán xulgad@s o 18 de febreiro
Tres militantes de Isca! están acusad@s de danos en bens inmóbeis que se terían producido no desenvolvemento da campaña Traballo digno na nosa terra. Aliás, a fiscalía de menores da Audiencia Nacional española chamou a declarar un integrante de Briga sen informar do delito que se lle imputa.
O vindeiro 18 de febreiro decorrerán na Coruña e en Madrid máis catro xulgamentos contra independentistas galeg@s. Desta volta trátase de tres persoas integradas en Isca! imputad@s por un delito de danos en bens inmóbeis e unha cuarta, militante de Briga, que está chamada a declarar pola fiscalía de menores da Audiencia Nacional española sen ser informada dos feitos polos que foi encausad@, tal e como informaron a Sermos Galiza fontes da organización xuvenil.
Trátase de tres persoas integradas en Isca! imputad@s por un delito de danos en bens inmóbeis e unha cuarta, militante de Briga, que está chamada a declarar pola fiscalía de menores da Audiencia Nacional española sen ser informada dos feitos polos que foi encausad@
Os danos que, segundo o escrito da acusación, causaron @s membros de Isca! teríanse producido no decorrer da campaña Futuro digno na nosa terra, desenvolvida nos últimos meses en todo o País. Na cidade da Coruña, as tres persoas agora imputadas foron identificadas e retidas pola policía, para alén de rexistrar as súas pertenzas e o carro en que se desprazaban. Os axentes incautáronse de material diverso, desde voandeiras a pintura e plantillas para realizar grafittis.
Naquela altura foron multad@s polo Concello da Coruña, que impuxo unha sanción de 600 euros. Agora recibiron unha citación para declarar en calidade de imputad@s por un delito de danos en bens inmóbeis. Isca! rexeita o encausamento ao argüiren que se está a vulnerar o principio do non bis in idem, isto é, que un mesmo feito non pode ser enxuizado dúas veces. Para o 18 de febreiro, ás 10h, hai convocada unha concentración solidaria diante dos xulgados da Coruña.
Declarar como imputado e non saber por que
No mesmo día está chamado a declarar en Madrid e en calidade de imputado un veciño do Condado militante de Briga. A citación recibiuna con dez días de antelación e nela non se explica o motivo que o leva a sentar no banco d@s acusad@s da Audiencia Nacional española, segundo denuncian fontes da organización.
Así as cousas, condenan a decisión da fiscalía de menores da AN e atribúena a unha práctica "represiva" que procura "un efecto intimidatorio para sufocar a rebeldía".