Máis de 70% da mocidade galega iníciase na sexualidade a través das redes sociais

Na mesa, Luisa Fernanda Aríns, Lola Varela e Purificación Leal, esta sexta feira na xornada organizada en Pontevedra. (Foto: Nós Diario)
41% de nais e pais fala "poucas veces" de sexualidade cos seus fillos e fillas e 5% non o fai nunca. Así o amosan os resultados da Enquisa escolar dirixida a familias sobre educación sexual, presentados esta sexta feira pola Sociedade Galega de Sexoloxía (Sogasex), e que avalan a importancia da escola e do manexo de internet nun escenario novo no que a mocidade desenvolve a súa sexualidade. 

Até 73,69% da mocidade galega comeza a súa vida sexual pola influencia das redes sociais; mentres que a curiosidade e a presión do grupo de amizades son os outros detonantes, segundo os resultados da Enquisa escolar dirixida a familias sobre educación sexual, presentados esta sexta feira pola Sociedade Galega de Sexoloxía (Sogasex) na xornada Educación sexual integral que acolleu a Casa das Campás en Pontevedra, dirixida a familias e a profesorado.

A Sociedade Galega de Sexoloxía (Sogasex) levou a cabo a enquisa en todos os centros educativos da Galiza durante os meses de abril, maio e xuño do ano pasado. Entre as 977 persoas enquisadas, participaron familias de alumnado de Educación Infantil, Primaria, ESO, Bacharelato e Formación Profesional.

Purificación Leal, presidenta de Sogasex, Luísa Fernanda Arís e Lola Varela, integrantes tamén de Sogasex e responsábeis da realización da enquisa e da análise posterior, expuxeron onte, Día Mundial da Saúde Sexual, os datos desta primeira enquisa que se fai na Galiza arredor das preocupacións e demandas das familias e o profesorado sobre a importancia da presenza de familias e docentes en todas as etapas educativas que inflúen no desenvolvemento da sexualidade das crianzas e adolescentes.

O resultado da enquisa presentada onte por Sogasex amosa que 80% das familias considera que se debe impartir educación sexual no ensino para o desenvolvemento e madureza persoal dos e das menores (resposta sinalada por 80% das familias), para evitar perigos (61%) e para compensar os casos onde non se tratan estes temas dentro do ámbito familiar (33% das respostas). Ademais, dentro dese 80% que avoga por introducir a educación sexual no ensino, 74,31% considera que debe abranguer a totalidade das etapas educativas, ao que se suma un 13,72% que estima oportuno que sexa ao comezar a ESO e un 8,62% que fixa esta educación ao rematar a Primaria.

Os resultados avalan que as familias teñen un concepto bastante amplo no significado da sexualidade -xénero e identidade, pracer, desexo, xenitais- e afirman que está presente durante toda a vida. Consideran maioritariamente que familias e profesionais son as persoas máis indicadas para falar de sexualidade cos e coas menores, e tamén o profesorado.

68,58% das familias enquisadas recoñece que no seu caso a información sobre sexualidade foi a través de conversas con amizades. A situación actual mudou pola existencia das novas tecnoloxías da información e a comunicación, e o novo escenario require un  maior protagonismo e compromiso das familias e do profesorado.

14% sabe ou sospeita que os fillos consomen porno

Case 14% das familias enquisadas recoñece "ter pillado" (4,5%) ou sospeita (9,3%) que os seus fillos menores consomen porno en internet. As reaccións das proxenitoras foi maioritariamente falar abertamente do tema.

As familias galegas falan coas crianzas e adolescentes de sexualidade, segundo os resultados desta enquisa de Sogasex, de cuestións como as infeccións de transmisión sexual (77%), os cambios físicos e psicolóxicos (72,8%), e en menos de 50%sobre o consentimento, os afectos sexuais, a masturbación ou a primeira menstruación. 54% das familias enquisadas asegura que fala sempre (13%) ou moitas veces (41%) de sexo cos seus fillos e fillas.

Pola contra, 41% recoñece que o fai poucas veces e en 5% dos casos as conversas sobre sexualidade non se producen nunca. Nestas conversas priman cuestións como evitar enfermidades de transmisión sexual, definir sexualidade responsábel e afectiva e evitar abusos e violencias. Máis de 77% das familias que tratan estes temas coas crianzas e adolescentes din facelo con responsabilidade.

Na formación sexual dos seus fillos e fillas, as familias están maioritariamente dispostas a participar na educación sexual a través de obradoiros organizados polos centros de ensino, para poder axudar á formación en sexualidade.

Educación Sexual Integral

Sogasex debateu esta sexta feira en Pontevedra coas familias e docentes a necesidade de incluír no currículo escolar a materia de Educación Sexual Integral, tal e como recomenda a Organización Mundial da Saúde (OMS), así como implementar a formación de familias e docentes neste tema. A enquisa de Sogasex revela que son as mulleres de entre 40 e 50 anos as máis preocupadas pola formación en sexualidade das crianzas e adolescentes, 87% do total das persoas que responderon a esta enquisa.

En Pontevedra participaron na xornada de Sogasex docentes para falar do “compromiso coa educación sexual nas aulas”. Pepe Cabido, profesor de Filosofía e coordinador do número 90 da Revista Galega de Educación, dedicada á educación afectivo-sexual, e tamén Chis Oliveira e Amada Traba, expertas en educación emocional e sexualidade e autoras do ensaio A trampa da pornografía: educar o desexo.

Propostas de mellora: Implicación das familias e dos centros de ensino

Os resultados desta enquisa serviron ás responsábeis de Sogasex para incidir nas súas propostas de mellora para o futuro. Lola Varela quixo agradecer especialmente a implicación e o traballo da dirección, administración e familias do Instituto A Xunqueira I de Pontevedra, onde comezaron os primeiros pasos desta enquisa. Cos resultados sobre a mesa, Sogasex demanda unha maior implicación dos centros de ensino na educación sexual, con medidas concretas como a formación do profesorado para impartir educación sexual a crianzas e adolescentes e a organización de actividades coas familias.

Asesorías e publicacións

Tamén inciden desde Sogasex na “necesidade urxente” de que a administración educativa inclúa no currículo escolar a materia de Educación Sexual Integral (ESI) e apostan pola creación dun servizo de asesoría sexolóxica e psicolóxica para alumnado, docentes e familias.

Na xornada participou a psicóloga e sexóloga Vanessa Rodríguez, coautora do libro A violencia adolescente en clave relacional. A profesora  Fina Paulos e o profesor Óscar Rey presentaron tamén neste espazo a primeira publicación en galego sobre Intelixencia Artificial, editada por Medulia.