Máis de 600 persoas sancionadas na fin de semana na Galiza por incumprir as restricións da Covid-19

Imaxe dun control de mobilidade na Galiza. (Foto Álvaro Ballesteros Europa Press)
Despregamento de máis de 2.500 controis en todo o territorio. 

Axentes da Garda Civil, a Policía Nacional e a Policía Autonómica propuxeron para sanción 638 persoas por incumprir a normativa Covid-19 durante esta fin de semana no marco de controis levados a cabo en toda Galiza..

Segundo precisou a Delegación del Gobierno, entre esta sexta feira e este domingo 2.417 efectivos da Policía Nacional e a Garda Civil participaron en 1.401 despregamentos mediante os que se controlaron 21.463 persoas e 15.508 vehículos.

A Delegación do Goberno fixo un chamamento á responsabilidade cidadá en relación ao cumprimento das medidas sanitarias e subliñou a importancia de respectar as indicacións das forzas e corpos de seguridade do Estado.

Pola súa banda, a Policía Autonómica tramitou 64 denuncias e identificou a 597 persoas no marco de 112 dispositivos establecidos en 35 municipios da comunidade para deter a propagación do coronavirus.

No marco dos dispositivos controlouse o cumprimento das medidas sanitarias establecidas en locais abertos ao público, como a utilización de máscara, o mantemento da distancia de seguridade, o aforamento e o horario de peche