A máis de 32º nunha residencia de Domus Vi en Compostela

Residencia sinalada por USO. (Foto: Coll arquitectos)

USO denuncia que a situación afecta persoal e usuarias e di que a residencia non dispón de sistema de ventilación ou aire acondicionado adecuados.

USO denuncia que nunha residencia de Domus Vi de Santiago de Compostela, situada na Pontepedriña e próxima ao parque do Restollal, levan varios días alcanzando temperaturas superiores a 30° C sen contar cun sistema de ventilación ou aire acondicionado adecuados.

O Real Decreto 486/1997, que desenvolve a Lei 31/1995, de Prevención de Riscos Laborais, recomenda temperaturas de entre 23 e 26°, sendo o máximo de 27° C, para traballos sedentarios, explica este sindicato.

“Sucede que no centro de traballo da Residencia de maiores Fundación José Otero-Carmela Martínez, levan varios anos soportando temperaturas por riba dos 27° sen contar con sistemas de climatización, unha obra que levan varios anos esperando as traballadoras e traballadores, e que estes días de calor están a soportar temperaturas superiores aos 32 graos”, denuncia a USO.

Tal e como sinala a campaña "A calor extrema: un risco laboral que esixe protección e acción sindical" do sindicato, o cambio climático está a provocar que 71% dos traballadores e traballadoras están expostos á calor como risco laboral sen protocolos preventivos adecuados.

“En plena crise climática, o incremento das altas temperaturas converteuse nunha ameaza crecente para a saúde e a seguridade das persoas traballadoras”.

Desde USO denuncian que a calor extrema, en traballos ao aire libre ou en contornas onde a climatización é insuficiente, non debe considerarse un risco “natural” senón laboral que require medidas preventivas urxentes.

Por todo eles, require ao grupo Domus Vin para que, “o máis axiña posíbel, e dentro deste mesmo mes”, proceda á instalación no centro de traballo da Residencia de maiores Fundación José Otero-Carmela Martínez, un sistema de climatización, “unha obra que levan varios anos esperando as traballadoras e traballadores, e que estes días de calor están a soportar temperaturas superiores aos 27° C que establece como máximo a normativa”.

Declaracións da compañía

Ao respecto, a empresa, en declaracións a Nós Diario, sinalou que "o benestar dos nosos equipos e das persoas maiores ás que coidamos é unha prioridade. Por iso, en situacións puntuais de calor extrema, activamos medidas de continxencia inmediatas, como a incorporación de dispositivos adicionais de refrixeración e a supervisión periódica da temperatura por parte dos nosos profesionais, co fin de garantir condicións adecuadas na contorna laboral".

"De forma complementaria, durante a época estival, dispoñemos dun protocolo específico para mitigar os efectos da calor, tanto para os profesionais como para as persoas maiores ás que coidamos, con medidas organizativas e ambientais adaptadas", engadiu a compañía. "Estamos comprometidos coa mellora continua dos nosos procesos para ofrecer sempre a mellor contorna posíbel", concluíu.