Máis de 14.500 persoas recibiron a AstraZeneca na primeira vacinación masiva da Galiza

Varias persoas agardan ser vacinadas no Instituto Feiral de Vigo, Ifevi. (Foto: Europa Press).
Das 18.950 persoas citas, calcúlase unha asistencia arredor de 76,5%. 

Suman máis de 14.500 persoas, segundo datos da Consellaría de Sanidade, as que recibiron doses na primeira vacinación masiva que tivo lugar onte en todo o territorio galego, antes de rematar a xornada en puntos como o Ifevi de Vigo.

Segundo os datos do Sergas, estas 14.734 persoas vacinadas supoñen 77,7% das 18.950 citados. Até esa hora, había contabilizadas preto de 900 persoas que non foron vacinadas por renuncias, contraindicacións ou excepcións.

En concreto, o maior número de vacinas administrouse en Vigo, no Ifevi, onde a recibiron un total de 3.284 persoas, 74,6% das citadas, e no Ifeco da Coruña, onde se inxectou a 2.899, 78,35% das convocadas.

Na Cidade da Cultura de Compostela foron 1.648 persoas as vacinadas, 82,5% das que estaban chamadas.

O Hospital Lucus Augusti (HULA) e o Expourense acolleron a vacinación de 1.363 e 1.305 persoas, respectivamente, que representaron 80,2% e 76,8% das convocadas. Ademais, administráronse 1.276 doses no Pazo da Cultura de Pontevedra, 75% das previstas, e 1.027 no FIMO de Ferrol, 79% das citadas.

Nos sete restantes puntos administráronse doses a entre 149 e 400 personas e as porcentaxes de vacinadas en relación ás convocadas situáronse 73,7% e 82%.

A vacinación fíxose integramente con dose de AstraZeneca e a partir dos apelidos da letra H, elixida por sorteo.