A maioría do persoal da CRTVG reclama que se arquive o expediente a Tati Moyano

Traballadoras e traballadores da CRTVG protestan nun #VenresNegro o pasado mes de agosto. Foto: cedida.

Máis de medio milleiro de sinaturas de traballadoras e traballadores da CRTVG reclaman á dirección do ente público o “inmediato arquivo” do expediente disciplinario aberto contra a presentadora Tati Moyano. “Cómpre proceder á súa rehabilitación pública e profesional”, afirma o comité intercentros nun comunicado.
 

562 sinaturas significan que a maioría do cadro de persoal da compañía -na actualidade conta con arredor de 950 persoas- entende que a dirección, encabezada por Alfonso Sánchez Izquierdo, “está a someter a compañeira Tati Moyano a un proceso exemplarizante e sen precedentes na historia dos venres negros”.

 

A Dirección de Recursos Humanos da CRTVG abriu o expediente o pasado xullo en base a unha estraña e inaudita acusación contra Moyano: maquillarse cos medios da televisión pública para presentar unha gala benéfica contra o canco. Nese acto, ao que asistía o presidente da Xunta, a presentadora defendeu “a pluralidade dos medios públicos de Galiza”.

 

O comité intercentros, que agrupa a representación sindical da radio e da televisión públicas galegas, asegura que “a apertura do expediente é unha represalia irracional e unha persecución da dirección da CRTVG ás xornalistas que non comungan coa liña informativa da canle pública” e súmase á petición dos 562 asinantes.

 

A manifestación en defensa dos medios públicos do pasado 8 de setembro foi un punto de inflexión nas mobilizacións continuadas que, desde hai meses, realizan as emrpegadas e empregados da CRTVG. Os #VenresNegros contra a manipulación informativa e control que o PP exerce sobre a empresa pública son das máis vistosas e constantes.