Cambio de hora: por que segue en vigor e que din os expertos sobre eliminalo

Na madrugada desde domingo os reloxos adiantaranse para comezar o horario do verán. (Foto: Nós Diario)

O horario de verán entrará en vigor na madrugada deste sábado ao domingo e prolongarase até o 25 de outubro. Mentres a Unión Europea non decide se elimina os cambios estacionais, físicos como Jorge Mira defenden manter o sistema e outras voces apostan por deixar fixo o horario de inverno.

A mudanza de hora producirase na madrugada deste sábado 28 ao domingo 29 de marzo. Cando o reloxo marque as 2 horas, pasará directamente ás 3, co que comezará o horario de verán.

Este sistema manterase, cando menos, até o 25 de outubro. A continuidade do cambio estacional segue pendente dunha decisión da Unión Europea (UE), que leva anos sen fechar o debate sobre a súa posíbel supresión.

O asunto continúa xerando posicións enfrontadas. Hai quen considera que o adianto da hora segue a ser útil para adaptar a actividade diaria aos cambios estacionais, mentres outras voces sosteñen que apenas aforra enerxía e que pode ter efectos negativos sobre a saúde e o benestar.

"Funciona mellor do que se pensa"

Entre as voces que defenden a continuidade do sistema figuran os físicos José María Martín Olalla, da Universidade de Sevilla, e Jorge Mira, da Universidade de Santiago de Compostela.

Martín Olalla sostén que o cambio horario "funciona bastante mellor do que se pensa", aínda que admite que "é evidente que é un fastío porque é molesto cambiar a hora". Ao seu xuízo, esta práctica permite regular as diferenzas entre o inverno e o verán e acompasar mellor a actividade humana coa saída do sol.

A súa tese é que no verán amence antes e, por tanto, tamén se pode comezar antes a actividade diaria. Iso permite, segundo sinala, dispor de tardes máis longas para o lecer.

Tamén se mostra partidario dunha certa flexibilidade a escala europea. Entende que non todos os países teñen as mesmas necesidades e que o que pode non resultar útil en latitudes como Finlandia si pode selo no caso do Estado español. "Isto é, non podemos obrigar a que os fineses fagan un cambio de hora se non lles vén ben, pero tampouco nos poden obrigar a que nós non o fagamos se non nos vén ben facer esa práctica", explicou.

Na mesma liña sitúase Jorge Mira. O físico da USC lembra que cada cinco anos revísase este sistema e que sempre acabou prorrogándose. Na súa opinión, todo indica que a UE está agora centrada noutros debates, mais considera que non sería razoábel romper unha harmonización horaria común no espazo europeo. "Desde o punto de vista do que debe ser a UE e un sentido común de pertenza a ese espazo, unhas lexislacións comúns, un ritmo común, non se debería romper a baralla horaria".

Mira subliña ademais que o cambio responde a un feito natural: a duración do día e da noite non é a mesma ao longo do ano. Asegura que a propia vida do planeta se organiza con adaptacións estacionais e lembra que esa relación entre horarios e luz solar leva séculos presente.

Tamén apunta que a medida foi recuperada nos anos setenta polo "aforro enerxético". Aínda que considera lóxico pensar que algún aforro existe, recoñece que cuantificalo con exactitude é moi difícil e que "hai moitísimo tempo" que non se fai esa avaliación do suposto aforro que implica o cambio horario.

O impacto no ocio e nos hábitos sociais

Outra das voces que aposta por manter o cambio é a de Martín Perea, director do Mestrado en Enerxías Renovábeis da Universidade Europea. No seu caso, o argumento principal é a "normalización" da saída do sol e a adaptación do horario á forma de vida actual.

Perea entende que gañar unha hora de luz polas tardes encaixa mellor cos hábitos sociais consolidados nas últimas décadas. Ao seu ver, suprimir este sistema podería afectar un sector como o do ocio, moi vinculado ás tardes longas e á actividade exterior. "Nos últimos 50 anos creouse un paradigma dun funcionamento en canto ao ocio que provocaría que a eliminación do cambio horario influíse dalgunha maneira nun sector tan importante para o Estado español como o do ocio", detallou.

O "mellor horario", o de inverno

Fronte ás posicións favorábeis ao mantemento do cambio de hora, a Asociación para a Racionalización dos Horarios Españois (Arhoe) defende a súa supresión. A súa proposta pasa por deixar fixo durante todo o ano o horario de inverno.

O presidente da entidade, César Martín, valora positivamente que o Goberno estatal tentara reabrir o debate o ano pasado. Con todo, insiste en que a mellor solución é abandonar os cambios estacionais.

Ao seu xuízo, o horario de inverno é o máis axeitado "desde calquera punto de vista", especialmente desde o sanitario. A asociación considera que a alternancia horaria ten consecuencias sobre os ritmos biolóxicos e que a estabilidade sería máis beneficiosa para a poboación.

Arhoe lembra tamén que ningún Estado pode decidir en solitario sobre esta cuestión. A eliminación do cambio de hora require unha decisión coordinada a nivel europeo.

Un debate sen resolver na Unión Europea

O debate sobre o final do cambio horario leva anos aberto, mais sen resultados. En 2019, durante o mandato de Jean-Claude Juncker á fronte da Comisión Europea, Bruxelas impulsou a idea de permitir que cada Estado membro escollese un horario fixo sen modificacións bianuais.

A proposta acabou aparcada polas discrepancias entre capitais europeas. As dificultades para coordinar un mapa horario común fixeron que a iniciativa non prosperara. Mais o pasado ano o Goberno español intentou reactivar a discusión nunha reunión de ministros de Transporte, Telecomunicacións e Enerxía da UE. A súa posición apoiábase en tres argumentos principais.

Por unha banda, o respaldo maioritario da cidadanía estatal e europea a suprimir os cambios. Por outra, a falta de probas científicas sólidas que demostren un aforro enerxético substancial. E, por último, os efectos negativos que a modificación horaria pode ter na saúde e na vida cotiá de millóns de persoas.

Porén, a proposta non cristalizou. A última referencia desde Bruxelas foi a do comisario europeo de Transportes, Apostolos Tzitzikostas, que se mostrou partidario de acabar co sistema polos problemas que xera na sociedade e na economía. Desde esas declaracións, non transcenderon avances concretos.