De bares con 'Nós': A Taskatenda

Luz Álvarez e Rubén Rodríguez: "A nosa idea é unir a cociña saudábel cunha tenda de produtos ecolóxicos"

Luz Álvarez e Rubén Rodríguez no seu local en Salvaterra de Miño. (Foto: Nós Diario)
Pasados 11 anos desde a súa inauguración, a Taskatenda de Salvaterra de Miño (O Condado) xa é un lugar imprescindíbel para quen goce da cociña natural e ecolóxica. Luz Álvarez e Rubén Rodríguez contan a 'Nós Diario' a súa experiencia.

—Como nace a Taskatenda de Salvaterra de Miño?
Luz Álvarez: Esta era unha idea que xa tiñamos ambos os dous moito antes do ano 2014, que foi cando a inauguramos. O noso proxecto partía de unir o que era a cociña saudábel cunha tenda de produtos ecolóxicos e tamén algo de herboristaría. Queriamos colocar no mesmo plano gastronomía e saúde. Xa coa idea desenvolvida tocou buscar local e provedores. O primeiro xurdiu en 2013 paseando por Salvaterra, nun lugar precioso. Con todo, non tiña nada por dentro e levounos moito traballo pólo ao noso gusto realizando unha obra. 

—Que ofrecen á xente que se achega até a Taskatenda? 
L.A
.: Temos unha tenda de produtos ecolóxicos, vendemos a granel e contamos cun pequeno restaurante onde ofrecemos tapas variadas feitas con produto local ecolóxico e cociñamos pratos de tempada. Temos moi en conta as persoas que teñen intolerancias alimentarias, como as celíacas, e coidamos que haxa unha oferta apta sen glute, sen lactosa e sen outros alérxenos que afectan unha gran parte da poboación. 

—Traballan a gastronomía vexetariana e vegana. Que aceptación ten a súa oferta en Salvaterra?
L.A
.: Non somos 100% veganos nin 100% vexetarianos na carta. De inicio ofrecemos a opción principal, mais a nosa idea é que poidan vir familias con membros que son carnívoros e proporcionarlles a posibilidade de coñecer outro tipo de gastronomía. Gústanos reunir ao redor dunha mesa xente vexetariana e outra que non o é. Se tivésemos só comida vexetariana non terían a opción de probar os nosos pratos e posibelmente non o farían nunca. 

Por outra parte, cando abrimos en Salvaterra a xente era un pouco reticente e fomos máis coñecidos fóra. Con todo, fomos gañando a súa confianza co paso dos anos e mesmo conseguindo que nos visitaran clientes de cidades como Vigo, Ourense ou Pontevedra.

—Que pratos destacarían como os máis interesantes que teñen na vosa carta actual?
Rubén Rodríguez
: Traballamos, por exemplo, as croquetas de bacallau, mais están preparadas dunha maneira diferente. A nosa forma de cociñar é moi particular, é o noso selo. Non temos as típicas luras fritidas mais si, cando é o seu momento, como acontece agora mesmo, os pementos de Padrón. Tamén contamos con pasta e arroz con legumes. Gústanos moito variar e ter o produto fresco que haxa na praza de abastos; por exemplo, todo o relacionado co peixe e coa carne. Con todo, hai pratos que repetimos pola boa aceptación e demanda que teñen.

—Cal foi a razón de optar por Nós Diario como prensa diaria no seu restaurante?
R.R
.: Porque está escrito en galego e nós somos galegofalantes. Aquí hai xente que le outra prensa, non é o único xornal que temos, mais valoramos que estea 100% escrito en galego. Ademais, Nós Diario ten noticias diferentes e que están contadas doutra maneira.

Degustar e mercar

A proposta da Taskatenda conseguiu dar a coñecer en Salvaterra de Miño o mundo da produción ecolóxica e vegana. Ademais de propor a degustación a través do seu restaurante, cada persoa que a visite terá a oportunidade de levar á casa algunhas das ideas que Luz Álvarez e Rubén Rodríguez puxeron na súa mesa.

Ambos os dous facilitan o acceso, non sempre doado, á comercialización de pequenas explotacións e, ademais, dan a coñecer outras que traballan en ecolóxico. A nivel gastronómico xa marcaron tendencia con algúns  pratos propios, como é o caso dos champiñóns recheos, que continúan na carta desde a súa apertura.