Un lume descontrolado arrasa xa 200 hectáreas en Vilardevós
A Consellaría de Medio Rural confirma a existencia de tres incendios activos na Galiza.
Os responsábeis da Xunta da Galiza expresaron a súa preocupación polo lume forestal activo na parroquia de Terroso, no concello de Vilardevós, na comarca de Verín desde as 23:40 horas de onte.
A Consellaría de Medio Rural destaca a rapidez coa que se está estendo o incendio. Neste sentido, o lume afectaba ás 8.30 da maña a 70 hectáreas, alcanzado ás 10:15 120 hectáreas e ás 12:30 200 hectáreas.
O lume rodeou á parroquia de Terroso durante a noite, o que levou á veciñanza a temer que foran afectadas a vivenda da localidade. Neste sentido, as fontes consultadas por Nós Diario indican que o vento favoreceu a expansión do lume.
Porto do Son
A Xunta da Galiza deu conta, tamén, dun incendio iniciado na madrugada deste sábado na parroquia de Miñortos, no concello de Porto do Son, na comarca do Barbanza, que queimou polo momento 16 hectáreas.
A Caniza
Os responsábeis do operativo contra o lume do Goberno galego dan por estabilizado desde a tarda da sexta feira ao lume que afectou a parroquia do Couto, no concello da Caniza, na comarca da Paradanta.
O lume, iniciado na tarde da cuarta feira, queimou, segundo as estimacións da consellaría de Medio Rural, máis de 300 hectáreas.