O lume arrasa máis de 3.600 hectáreas de monte na Galiza

Incendio no concello de Melón, xa extinguido. (Foto: Europa Press)

A Consellaría de Medio Rural vén de confirmar que 3.600 hectáreas resultaron calcinadas na Galiza pola acción dos lumes forestais nos últimos días. Segundo as cifras achegadas polo departamento da Xunta, esta superficie correspóndese con aquelas zonas onde non puideron ser controlados os incendios

A situación máis preocupante, en opinión dos equipos contra os incendios da Xunta da Galiza, vívese en Folgoso do Courel e A Pobra do Brollón, onde se mantén a alerta activa por proximidade do lume a núcleos habitados. O maior avance en superficie nas últimas horas prodúcese en Carballeda de Valdeorras, que pasa de 400 a 800 hectáreas arrasadas.

A Pobra de Brollón

O concello da Pobra do Brollón converteuse nunha xornada máis nunha das zonas cero da dinámica incendiaria. Precisamente, un lume que se mantén activo desde a quinta feira na parroquia de Saa tiña arrasado na mañá de hoxe 550 hectáreas

O incendio permanece activo desde as 20,37 horas desta quinta feira e afecta a unha superficie provisional de 550 hectáreas. Até o momento mobilizáronse para o seu control 2 técnicos, 9 axentes, 18 brigadas, 8 motobombas, 1 pa, 2 helicópteros e 4 avións.

Courel

Folgoso do Courel é outro dos concellos máis afectados. Neste caso, tres incendios, dos que dous se atopan nas inmediacións de núcleos urbanos, queimaron polo de agora 592 hectáreas. O máis grande deles, na parroquia de Vilamor, suma máis da metade do terreo calcinado, con 300 hectáreas. Ademais, pon en risco a veciñanza do Carballal, polo que se decretou o nivel 2 de alerta.

O segundo dos focos, tamén en nivel 2 de alerta, está situado na parroquia de Santalla, no límite de Folgoso do Courel co concello de Samos. Este lume, de 200 hectáreas de extensión, afecta á poboación do lugar de Gamiz. Por último, o terceiro lume, que se atopa en terreo forestal afastado dos núcleos de vivendas do termo municipal, calcinou xa 92 hectáreas.

Quiroga

Os lumes están golpeando duramente ao conxunto do país. Así, no concello de Quiroga permanece activo desde as 20,29 horas desta quinta feira un incendio na parroquia de Outeiro, que segundo as últimas estimacións afecta a unha superficie de 250 hectáreas.

Un segundo lume neste municipio, activo desde a maña desta sexta feira, afecta a parroquia de Nocedo, cunha extensión queimada de 180 hectáreas. Tamén, en Quiroga, un terceiro incendio, afecta a 90 hectáreas como superficie provisional.

Valdeorras

Un incendio con máis de 90 hectáreas arrasadas continúa vivo  na parroquia de Pradoalbar, no parque natural do Invernadoiro, en Vilariño de Conso. Pola súa parte, no lugar Riodolas, en Carballeda de Valdeorras, levan ardidos 800 hectáreas desde a noite da quinta feira.

A Consellaría e Medio Rural ten confirmado ao longo da mañá de hoxe o control de varias lumes nos concellos de Rodeiro e Cualedro