O lume ameaza as vivendas en Ribeira

Incendio no Barbanza. (Foto:Nós Diario).

Os incendios continúan descontrolados na Barbanza. Os fogos iniciados na xornada de onte Boiro, ameazan diversos núcleos de Ribeira, tras queimar A Pobra do Caramiñal. A dirección do vento empuxa agora o lume cara Porto do Son.

Ribeira é a nova zona cero dos lumes que queiman a serra do Barbanza e lugares tan emblemáticos como A Curota. Precisamente, na noite de onte, as autoridades víronse obrigados a desaloxar neste concello a 250 persoas dun cámping e instalalas no pavillón de deportes do concello.

Os equipos de extinción procederon, tamén, a desaloxar a veciñanza da parroquia ribeirá de Oleiros pola proximidade do fogo as súas vivendas. Fontes consultadas por Nós Diario, recoñecen que a noite foi moi dura en diversos núcleos habitados de Ribeira.

Os membros das brigadas forestais da Xunta, consultadas por este xornal, recoñecen que os medios chegaron tarde e non son suficientes. A este respecto, afirman que a multitude de lumes en toda Galiza impide poder concentrar os equipos nun punto, o que dificulta os traballos de extinción.

Ribeira sen brigada municipal contra os lumes

Os axentes forestais desprazados a zona sinalan que “o Concello de Ribeira non ten aínda constituída a esta altura do ano a brigada municipal contra incendios, de feito aínda sacou a contratación esta semana a praza de capataz da brigada contra incendios do municipio.

A rapidez coa que se expandiu o lume é consecuencia da alta concentración de eucaliptos e  piñeiros na zonas así como o do vento do nordés que moveu o fogo. Neste sentido, os brigadistas significan  que boa parte das plantacións de eucalipto non respectan as distancias obrigatorias. 

“A vía rápida do Barbanza, con eucaliptos a unha beira outra da estrada, ou os núcleos máis afectados polo lume, plantadas con estas mesmas arbores, son unha mostra evidente do incumprimento da normativa”, sinala un axente forestal da Xunta a Nós Diario.