Louzán e Piñeiro, xulgados por fraude debido ao sobrecusto nun campo de fútbol

Louzán está acusado de fraude e prevaricación. (Foto: Europa Press)
O presidente da Federación Galega de Fútbol e antigo barón do PP, Rafael Louzán, ocupou esta sexta feira o banco dos acusados xunto coa actual delegada territorial da Xunta en Pontevedra, Luisa Piñeiro, e outras seis persoas, acusadas das supostas irregularidades nas obras do campo de fútbol de herba artificial do Buelo, en Moraña

Os feitos remóntanse ao ano 2011, cando o primeiro era o presidente da Deputación de Pontevedra e a segunda, alcaldesa daquela localidade polo PP.

Malia que, durante a vista, que tivo lugar no xulgado do penal número 3 de Pontevedra, Louzán non declarou, ao renunciar a súa defensa a formular preguntas, e Piñeiro unicamente respondeu as preguntas do seu avogado, ambos os dous rexeitaron, antes do xuízo, a comisión de delito ningún.

A Fiscalía, por contra, cúlpao a el dun delito de prevaricación e outro de fraude, que pode custarlle até tres anos de prisión e nove de inhabilitación; ela sería cooperadora necesaria da fraude, nunha trama que foi investigada dentro da chamada 'Operación Patos', que chegou  salpicar, sen consecuencias, unha vintena de cargos públicos.

En decembro de 2011, a Deputación de Pontevedra aprobou un convenio co Concello de Moraña para remodelar o campo de fútbol do Buelo mediante unha subvención discrecional do presidente. A obra foi adxudicada á construtora Eiriña.

Segundo sinala o escrito de acusación, a actuación tivo un sobrecusto de 86.000 euros relativo a unhas obras non contratadas, malia que a lei "impedía pasar o importe da adxudicación". O Ministerio Fiscal sostén que as persoas acusadas "idearon un sistema  artificioso, en fraude de lei, tendente a aboar a Eiriña o importe que reclamaba sobre o orzamento aprobado".

"Non hai ningún prexuízo para a Administración", recalcou hoxe Louzán, antes do inicio da vista oral, defendendo que a causa responde "unicamente a unha cuestión administrativa". "Non é unha cuestión que me toque a min nin á ex alcaldesa de Moraña", asegurou.

Xunto con eles, a Fiscalía sinala outras seis persoas: o administrador de Eiriña Construcións, adxudicataria das obras, o director xeral desta empresa o entón director de Infraestruturas da Deputación, dous empresarios de Pontevedra e do Salnés e un arquitecto.

Antes de comezar o xuízo, as defensas solicitaron a nulidade das actuacións, con base nunhas escoitas policiais e en cuestións competenciais. No caso de Piñeiro, a súa defensa pediu a retirada da acusación por entender que a causa está prescrita.