Logopedistas da Galiza salientan a importancia do galego nas súas ferramentas

Diana Gándara, presidenta do Colexio; Marcela Porto, logopedista; Lara Salgado, nai dun neno que usa CAA; Iria Saavedra, logopedista; e Tatiana Suárez, logopedista. (Foto: CPLG)

Profesionais, convocadas en Santiago polo Colexio Profesional de Logopedistas da Galiza, destacan que o uso de sistemas como a Comunicación Aumentativa e Alternativa (CAA) non só facilita a expresión, senón que tamén contribúe ao desenvolvemento da linguaxe e do pensamento.

Na Galiza hai actualmente 878 logopedistas colexiadas, unha cifra que medra cada ano. A profesión gaña presenza e recoñecemento social despois de pasar moitos anos como a gran descoñecida para boa parte da poboación.

Entre as ferramentas que usan, a Comunicación Aumentativa e Alternativa (CAA) consolídase como unha fundamental para mellorar a participación social e tamén a competencia comunicativa das persoas que non poden falar ou teñen grandes dificultades para facelo. Así o indican as profesionais da logopedia, convocadas este sábado en Santiago polo Colexio Profesional de Logopedistas da Galiza, que destacan que o uso destes sistemas non só facilita a expresión, senón que tamén contribúe ao desenvolvemento da linguaxe e do pensamento.

Durante anos existiu a crenza de que o uso destes sistemas podería afastar as persoas usuarias da fala oral. A experiencia clínica e os estudos actuais apuntan na dirección contraria. “Lonxe de atrasar a fala, a Comunicación Aumentativa e Alternativa permítelles ter unha andamiaxe cognitiva constante para estabelecer o pensamento”, explica a logopedista Marcela Porto. Segundo sinala esta profesional de Vilagarcía de Arousa (O Salnés), este apoio visual e auditivo da linguaxe oral convértese, co tempo e coa estimulación adecuada, “nun piar determinante para falar”.

O obxectivo é a interacción

A tecnoloxía, con todo, non é suficiente por si soa. A logopedista Tatiana Suárez lembra que os dispositivos son só unha parte do proceso terapéutico. “As e os profesionais aprenden a usar os comunicadores e a coñecer as súas posibilidades, mais quedar só niso é quedar na superficie”, advirte. “A tecnoloxía non é o obxectivo final, é só unha ferramenta. Un comunicador, por moi avanzado que sexa, non xera comunicación por si só se non hai estratexias, modelos e oportunidades para usalo. O verdadeiro obxectivo é a comunicación, a interacción, a autodeterminación e a participación das persoas en situacións reais”, engade a logopedista de Cambre (comarca da Coruña).

Nesa mesma liña, outra profesional da logopedia, Iria Saavedra, subliña a importancia de implicar tamén ao círculo das persoas usuarias. “A base do método é o que chamamos modelado, é dicir, que a persoa vexa que os que están ao seu redor usan o seu sistema de comunicación”, explica. Con todo insiste en que iso non abonda. “Hai que asegurar que o dispositivo teña un vocabulario amplo e dispoñíbel, formar aos interlocutores e, sobre todo, adaptar o seu ámbito para que a persoa teña oportunidades reais de participación social, se lle inclúa nas conversas, opine e decida”, asegura a logopedista de Cambre.

Vocabulario galego

Un dos retos actuais está precisamente no vocabulario que incorporan estes sistemas. Moitos dos comunicadores dispoñíbeis empregan listaxes de palabras traducidas directamente do inglés, sen adaptación lingüística nin cultural. “Non existen investigacións específicas nin en castelán nin en galego que identifiquen empiricamente as palabras máis frecuentes para orientar este tipo de comunicación”, explica Diana Gándara, presidenta das logopedistas galegas.

Estudos recentes con poboación infantil bilingüe apuntan á necesidade de basear estes vocabularios na fala espontánea na lingua materna. “É necesario construír vocabulario en galego en lugar de recorrer a traducións directas desde o inglés ou outras linguas”, defende Gándara, que actualmente está a desenvolver unha tese de doutoramento centrada en implementar o idioma galego neste tipo de dispositivos.

A experiencia das persoas usuarias amosa o impacto real destes sistemas na vida cotiá. Álex Fernández, de 16 anos, estudante do Centro Amencer de Aspace, en Vigo, utiliza desde hai cinco anos un comunicador dixital ocular. “O gran cambio foi poder opinar e falar dos meus gustos”, explica a través do dispositivo. “Transmitir a miña personalidade, poder facer bromas, interromper nas clases para facer comentarios… Cando veñen visitas ao colexio, interésalles como funciona o meu sistema. E cando falo co vocabulario que usamos os adolescentes, como de chil, bro ou é de locos, alucinan”.