Localizado o cadáver dun bañista na auga, entre as praias de Barraña e Xardín, en Boiro

Ambulancia medicalizada. (Foto: Sergas)

O 112 Galiza informou do achado, nas últimas horas, dun cadáver aboiando na auga, entre as praias de Barraña e Xardín, en Boiro (Barbanza).

O incidente tivo lugar sobre as 19:30 horas desta segunda feira, cando os servizos de Emerxencia recibiron varias chamadas de particulares que informaban da presenza dun corpo aboiando no mar, á altura do Club de Piragüismo de Boiro.

Desde o CIAE 112 Galiza deuse aviso a Salvamento Marítimo, Urxencias Sanitarias 061, Protección Civil e Policía Local de Boiro, Garda Civil e Gardacostas.

Finalmente, foron uns piragüistas do Club os que lograron sacar o corpo e conducilo até a beira da praia Xardín.

Membros de Protección Civil informaron de que o falecido era un bañista que puido sufrir unha indisposición, xa que estaba a tratamento debido a unha doenza cardíaca.