O lobo enfermo atopado nunha casa abandonada de Cuntis por veciños recupérase nun centro

A veciñanza da aldea de Castrolandín, Cuntis, viviron durante a tarde desta terza feira unha curiosa situación ao descubrir un lobo no interior dunha casa abandonada.

Foi unha veciña do lugar a que viu como o exemplar de importante tamaño refuxiábase nunha casa abandonada desta aldea ao cruzarse no seu camiño. Nun primeiro momento, esta muller pensou que se trataba dun can e comentou a situación cos seus familiares que se achegaron ao lugar onde comprobaron, para a súa sorpresa, que non era un can, senón un exemplar de lobo que permanecía deitado no interior en aparente mal estado de saúde.

Eran aproximadamente as 20 horas cando os veciños deron aviso ao Servizo de Emerxencias e Protección Civil de Cuntis informando da aparición do lobo. Unha vez no lugar os membros do operativo comprobaron que, en efecto, tratábase dun exemplar de lobo ibérico ( Canis  lupus  ignatus). O animal continuaba deitado e apenas reaccionaba ante a presenza da xente.

Perante a incerteza de como actuar realizaron unha primeira chamada ao 112 solicitando comunicarse co Centro de Recuperación de Fauna Salvaxe e poder trasladar o animal ao refuxio.

Con todo, isto non foi posíbel e desde o 112 tampouco se soubo dar unha resposta clara a que facer ante a situación. Foi entón cando se avisou o alcalde, Manuel Campos, que tamén se achegou ao lugar e realizou xestións para que a Consellería de Medio Ambiente enviase a un veterinario e un axente ambiental, que acudiron acompañados do xefe de servizo da Consellería.

Este equipo especializado procedeu ao adormecemento do animal coa inxección dun dardo  sedante e tras introducilo nun  ‘chimpín’ foi trasladado polo Servizo Municipal de Emerxencias ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Carballedo, en Cerdedo-Cotobade, onde se está recuperando.

O alcalde Manuel Campos explicou que o lobo tiña síntomas evidentes de desnutrición e debilidade causadas previsiblemente por algunha enfermidade, pero sen descartarse tampouco a posibilidade dunha intoxicación por veleno.