Lixeira subida dos casos activos e dos ingresados, a pesar da baixada nos novos contaxios

Test de coronavirus Covid-19 (Europa Press).
A taxa de positividade das PCR repunta até o 1,9%, mais segue como unha das cifras máis baixas desde o verán pasado. 

Os casos activos de Covid-19 e a presión hospitalaria que deixa a pandemia na Galiza experimentan de novo lixeiros ascensos nos datos deste domingo, a pesar das baixadas do sábado. Con todo, os novos contaxios de coronavirus detectados nas últimas horas descenderon até os 174.

Así o recollen os datos da Consellaría de Sanidade actualizados ás 18 horas do sábado, momento no que o total de ingresados con Covid-19 ascendía a 214 (catro máis que o día anterior), repartidos entre a UCI (51, un máis) e as unidades convencionais (163, tres máis).

Por áreas sanitarias, cinco delas seguiron este aumento da presión asistencial. En concreto, a da Coruña-Cee contabiliza 68 ingresados (+1), aínda que baixaron os de coidados intensivos até os 12 (-1).

Tamén ascendeu o total de pacientes covid na área de Ourense-Verín-O Barco, até os 28 (+2), dos que 12 están críticos (+2); en Pontevedra-O Salnés, con 26 (+1), cinco deles (igual) en UCI; en Santiago-O Barbanza, con 24 hospitalizados (+1), catro (sen variacións) en coidados intensivos; e Ferrol, con 10 ingresados (+1), dos cales dous se manteñen en críticos (igual).

Pola contra, a área sanitaria de Vigo non variou no total de hospitalizados covid, que se mantén nos 41, 12 deles na UCI; mentres que a de Lugo-A Mariña-Monforte foi a única en descender, até os 17 ingresados (-2), dos que catro se manteñen en coidados intensivos.

Soben os casos activos

Galiza rexistra nos datos deste domingo unha suba dos casos activos, após o descenso experimentado o sábado. Así, aumentaron lixeiramente até colocarse nos 3.106, sete máis. Nas últimas 24 horas os novos diagnósticos superaron ás altas.

Por áreas sanitarias, os pacientes de coronavirus aumentaron nas áreas de Vigo, até os 945 en total (+6); en Pontevedra-O Salnés, a 491 (+14); en Santiago-O Barbanza, a 364 (+9); e en Ourense-Verín-O Barco, a 269 (+2).

Ademais, decreceron os casos activos nas áreas da Coruña-Cee, até situarse nos 710 (-11); en Lugo-A Mariña-Monforte, até 239 (-11); e en Ferrol, que cae do centenar até os 99 (-3).

Repunta a taxa de positividade

Pola súa banda, os contaxios detectados con calquera tipo de proba nas últimas 24 horas sitúanse de novo por baixo dos 200. Así, dos 174 novos casos, 146 foron por positivo en PCR.

A área que máis novos contaxios achega nos datos deste domingo é a de Vigo con 46 casos, cinco máis que a xornada anterior, seguida por Pontevedra con 42 (+12), pola Coruña con 33 (sen variacións) e Santiago-O Barbanza con 26 (+3). Pola súa banda, na de Ourense detectaron 12 positivos (-7), en Lugo 11 (-7) e en Ferrol, só catro (-7).

Así, os contaxiados no conxunto da Galiza desde o inicio da crise sanitaria ascenden a 122.514, dos cales 29.610 corresponden á área da Coruña; 23.740, á de Vigo; 19.222, á de Santiago; 15.359, á de Ourense; 13.662, á de Pontevedra; 12.480, á de Lugo; e 8.441 á de Ferrol.

Todo iso nunha xornada na que as probas PCR realizadas desde o inicio da pandemia ascenderon a 2.065.796, despois das 8.430 feitas nas últimas 24 horas, 600 menos que o día anterior.

Deste modo, repunta lixeiramente a taxa de positividade das PCR, até o 1,9%, por baixo do 5% que marca a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia.

117.041 pacientes curados

Desde o inicio da pandemia faleceron 2.390 persoas diagnosticadas de Covid-19 na Galiza, despois de que na xornada do sábado a Consellaría de Sanidade non notificase ningunha nova vítima.

Pola súa banda, 117.041 pacientes curáronse do coronavirus no conxunto da Galiza desde que comezou a crise sanitaria. Isto implica que 197 recibiron o alta nas últimas 24 horas.