As listas de agarda demoran ou impiden a atención sanitaria a un de cada tres galegos

Máis de 13% da poboación agarda por unha cita hospitalaria (Foto: Xunta da Galiza)
O Sergas fechará até 174 camas este verán nos hospitais Cunqueiro e Meixoeiro, en Vigo.

Un de cada tres galegos e galegas afirma que o seu acceso a unha asistencia médica presenta unha "demora excesiva" ou que directamente é "inaccesíbel" por mor das listas de agarda. O Instituto Nacional de Estatística (INE) pon número na súa Enquisa de Saúde ás persoas que na Galiza están nesta situación: 838.000, 31% da poboación. Só A Rioxa presenta peores rexistros no Estado español (36%). A  media estatal é de 18,3%, 13 puntos por baixo da Galiza. A situación empeorou, ademais e considerabelmente, a respecto da Enquisa de Saúde de 2017. Daquela a porcentaxe de galegos e galegos que afirmaban que as listas de agarda implicaban atrasos importantes na súa asistencia médica ou ben que lle impedía o acceso á mesma era de 10%, tres veces menos que na actualidade. 

As listas de agarda, pois, non limitan os seus efectos e consecuencias a quen fai parte delas e o seu entorno familiar, supón un impacto prexudicial no conxunto do sistema de saúde e deixa pegada no acceso aos servizos e asistencia do resto de persoas usuarias.

Na mencionada enquisa polo INE tamén se rexistra como máis de 161.000 galegos e galegas teñen "inaccesibilidade" a distintos tipos de atención sanitaria por motivos económicos. Deles, 40.000 non poden acceder a atención dental por  esa carencia de recursos; ao redor de 43.000 non poden adquirir os medicamentos que lles receita o médico e 35.000 non poden, por motivos económicos, ter  atención en saúde mental que precisan, segundo o INE.

Mobilizacións

Para denunciar situacións como as xeradas polas listas de agarda exixir solucións, a Plataforma SOS Sanidade Pública convocou para esta quinta feira, 12 de xuño, concentracións nas diferentes comarcas. Desde SOS Sanidade advertiron de que desde o ano anterior á pandemia da Covid, o 2019, até agora houbo un aumento "grave" das listas de agarda de cirurxía: 28% máis. E no que se refire a persoas que levan máis de un ano en espera por unha intervención cirúrxica, o incremento a respecto de 2019 foi de 83%. 

Gómez Caamaño: "As listas son as que son"

O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, respondeu esta segunda feira, a preguntas de Nós Diario, sobre as listas de espera, que estas "son as que son". "Sempre se poden mellorar e estamos facéndoo", apuntou, e afirmou que comparar os datos de agora cos de antes da pandemia da Covid "non ten ningún sentido" pois, afirmou, "hai moita máis demanda asistencial agora que antes". O importante, dixo, "é conseguir reducir os tempos de espera tendo máis demanda".

Os últimos datos fornecidos polo Sergas—referentes a 31 de decembro de 2024— rexistran que 48.335 homes e mulleres agardaban por unha intervención cirúrxica na Galiza. Nese momento, os tempos medios de espera para o conxunto do país alcanzaban 67,1 días de media, se ben en 11.667 casos superaban ese período de agarda. 

Os datos non son mellores na esfera das consultas hospitalarias. Neste sentido, os responsábeis da sanidade galega explicaron que 196.267 persoas esperaban por unha consulta hospitalaria nos centros públicos da Galiza. E un total de 113.219 persoas agardaban ao remate de 2024 por unha proba diagnostica nos centros hospitalarios da Galiza, a maioría das cales se correspondían coa especialidade de radioloxía, a máis demandada.

No debate sobre as listas de agarda, a falla de medios, de recursos e de persoal é unha das causas sinaladas por sindicatos e asociacións profesionais como factores do seu aumento.

Feche de camas na área sanitaria de Vigo

Unha falla de medios que no verán vese aínda máis tensionada co feche de camas hospitalarias. A Xerencia da área sanitaria de Vigo prevé fechar nestes meses —entre xuño e setembro— até 174 camas, segundo avanzou Faro de Vigo, entre o Hospital Álvaro Cunqueiro e O Meixoeiro. Están afectados por esta medida os servizos de Cardioloxía, Medicina interna ou a Unidad de Coidados Intermedios.

A este respecto, o BNG de Vigo exixíu unha "rectificación inmediata e completa" dos "recortes" anunciados polo Sergas durante este verán. Así o demandou esta segunda o seu portavoz municipal, Xabier P. Igrexas, quen cualificou de “nefasta” a planificación sanitaria na cidade e no conxunto da área por parte da Xunta da Galiza.

O Goberno galego decidiu fechar no verán de 2024 máis de 780 camas nos hospitais galegos durante a tempada estival. A proposta da Xunta da Galiza significou reducir as prazas hospitalarias en máis de 9% e implicou deixar sen funcionamento arredor de 115 camas máis que na anualidade pasada, cando ficaron fóra de servizo 665.

De cada catro camas que hai nos hospitais que existen na Galiza, unha está nun centro privado. Neles están 2.156 das 9.820 prazas que hai no noso país,o que supón 22% do total.