En liberdade o sacerdote acusado dunha presunta agresión sexual a unha menor en Sarria
A maxistrada do Xulgado de Instrución número 1 de Sarria decretou a posta en liberdade do sacerdote detido esta quinta feira en Sarria acusado de agresión sexual a unha menor, delito polo que está a ser investigado.
A xuíza impúxolle, como medidas cautelares, a prohibición de achegarse e de comunicarse coa denunciante e non entrará en prisión, xa que nin a Fiscalía nin a avogada da denunciante solicitaron o seu ingreso.
O párroco, domiciliado en Pontevedra e que non conta con antecedentes penais, foi levado na mañá desta sexta feira ante a xuíza polos axentes da Garda Civil, que foi a encargada da súa detención a raíz dunha denuncia dunha terceira persoa. O home entrou no Xulgado coa cara descuberta e nun ambiente de tranquilidade.
Pola súa parte, a diocese de Lugo decretou a suspensión cautelar do labor pastoral do sacerdote, que se ocupaba de varias parroquias, e comunicou que até a detención "non se recibiu ningunha clase de denuncia ou aviso sobre as presuntas actuacións que se lle poidan estar a imputar".
Reacción da diocese
A diocese de Lugo manifestou tamén a súa firme condena "ante calquera tipo de abuso e especialmente se se trata dun menor; é unha ofensa ás vítimas e a Deus". Ademais, lamentou profundamente "o sufrimento e o dano que esta situación está a provocar á vítima, a outras persoas afectadas, ás súas familias e comunidades"; ante as que quere pórse a disposición.
Ademais, o Bispado declarou a súa disposición de colaboración coas autoridades nesta investigación, "manifestando o noso máis absoluto respecto pola actuación da xustiza" e desexando "un rápido e completo esclarecemento dos feitos, conscientes, tamén, do dereito á presunción de inocencia".