En liberdade os detidos pola agresión homófoba a un mozo en Pontevedra

En liberdade as tres persoas detidas por unha agresión homófoba en Pontevedra. (Foto: Nós Diario)

As tres persoas presuntamente responsábeis dos feitos están investigadas por un delito de lesións.

O Xulgado de Garda puxo en liberdade ás tres persoas detidas na mañá desta quinta feira pola súa suposta implicación na agresión homófoba a un mozo na madrugada do pasado domingo no centro de Pontevedra. Os presuntos implicados están investigados por un delito de lesións.

O subdelegado do Goberno estatal en Pontevedra, Abel Losada, informou que os arrestados eran o suposto autor material da agresión e outras dúas persoas que colaborarían "en diverso grao" nos feitos.

De acordo co relato recollido na denuncia, os feitos producíronse ás 8.45 horas do pasado domingo ás portas dun estabelecemento de hostalaría situado na rúa Dona Tareixa, en pleno centro histórico. Ademais do testemuño presentado ante a Policía, unha testemuña difundiu en redes sociais un vídeo no que ofrece a súa versión do ocorrido. Na gravación explica que o denunciante e mais un amigo estaban no lugar "tranquilamente, sen falar con ninguén nin molestando ninguén", cando un grupo de mozos, de ao redor de 20 anos, comezou a increpalos.

Segundo o seu relato, os presuntos agresores manifestáronlles que lles "amolaba" a súa presenza na zona e exixíronlles que abandonasen o lugar. "Nese momento comezaron os insultos e a súa actitude volveuse cada vez máis agresiva e claramente homófoba", afirmou a testemuña no vídeo difundido. Segundo a súa versión, o grupo de mozos comezou entón a ameazar con ir por el. "El xa estaba marchando cando varios deles saíron correndo detrás del. Eu berráballes que, por favor, parasen, pero alcanzárono, golpeárono brutalmente, tirárono ao chan e rompéronlle o nariz", relatou.

O subdelegado do Goberno expresou o seu desexo de que "todo o peso da lei" recaia sobre os responsábeis, sempre "respectando a presunción de inocencia e o resultado do procedemento xudicial". Losada cualificou o odio como "un problema gravísimo na nosa sociedade" e afirmou que a violencia contra persoas pola súa orientación sexual resulta "intolerábel, rancia, zafia e condenábel, non só penal senón tamén socialmente".