Xustiza

En liberdade sen cautelares o avogado galego Cándido Conde-Pumpido, acusado de agresión sexual canda outros dous homes

Cándido Conde-Pumpido Varela, nunha entrevista en LaSexta.
O fillo do presidente do Tribunal Constitucional pasou este domingo a disposición xudicial após ser denunciado por unha presunta agresión sexual en grupo que a xuíza, porén, asegurou que "desvirtúa" a gravación das cámaras de seguridade da vivenda na que se produciría.

O xulgado de Instrución Número 44 de Madrid puxo a última hora deste domingo en liberdade sen medidas cautelares —mesmo sen autorizar a orde de afastamento solicitada pola vítima— o avogado e fillo do presidente do Tribunal Constitucional, o coruñés Cándido Conde-Pumpido Varela, de 42 anos de idade, e outros dous homes que canda el pasaran ao longo da xornada a disposición xudicial por un presunto delito de agresión sexual.

A titular do devandito xulgado, María Isabel Durántez, rexeitou así o solicitado por Fiscalía, que pedira orde de afastamento pola suposta violación grupal denunciada por unha muller, aínda que non solicitara prisión para os acusados porque a vítima non presentaba lesións, segundo precisaron fontes fiscais.

No auto, a instrutora sinala que "do actuado até o momento estímase que non concorre unha situación obxectiva de risco para a denunciante que xustifique a adopción da medida cautelar interesada". Conde-Pumpido Varela foi detido a pasada sexta feira pola Policía Nacional despois de que unha moza denunciase unha agresión sexual en grupo.

A muller denunciou que fora agredida sexualmente por Conde-Pumpido Varela e os outros dous homes cando se atopaban na vivenda do fillo do presidente do Constitucional, en Madrid. Esa mesma sexta feira pola noite efectivos da Policía Nacional procederon a deter os tres homes.

As gravacións

A maxistrada, porén, detalla no auto que as imaxes das cámaras de seguridade da vivenda que achegou a defensa de Conde-Pumpido Varela "desvirtúan a versión" da denunciante. Na gravación, onde se ven "distintas dependencias" da casa ao longo de toda a madrugada e até primeiras horas da mañá da sexta feira, non se observa "ningunha situación similar á descrita" pola muller na denuncia, di.

A xuíza matiza que, malia que si se ve a denunciante e a Conde-Pumpido Varela, non aparece outro dos homes sinalados por ela —"que segundo as súas manifestacións pode acreditar que se atopaba situado noutro lugar desde as 22 horas" da quinta feira— sen que "poida adiviñarse ningunha situación coincidente co relato de feitos" da muller.