Covid: unha leve tregua ás portas da Noitevella

Probas de PCR

Descende o número de contaxios e baixa a presión hospitalaria mais soben os casos activos.

Os casos de coronavirus detectados na Galiza nas últimas 24 horas descendeu lixeiramente, un total de 16, até situarse en 261 fronte aos 277 da xornada anterior, aínda que aumentan en 15 os casos activos, até alcanzar a cifra de 5.523. O número de hospitalizados rexistra un descenso, aínda que escaso, seis menos, até situarse en 347.

Así figura no balance de datos da pandemia ofrecidos pola Consellería de Sanidade esta terza feira. Das 347 persoas hospitalizadas con diagnóstico de Covid-19 no sete áreas sanitarias galegas, 56 atópanse na UCI, dúas menos respecto da xornada anterior.

Por áreas, A Coruña-Cee volve ser a que ten maior número de hospitalizados con coronavirus. Hai nestes momentos 89 ingresados -seis máis- dos que 18 están en UCI -un máis-.

En canto á detección de casos, Galiza sumou 261 novos positivos por coronavirus nun día, o que implica un descenso respecto da xornada anterior, 16 menos. Mentres, o número de PCR realizadas incrementouse en 3.881.

Após varias xornadas como a área sanitaria que reportaba máis contaxios de toda a Galiza, a de Santiago-Barbanza pasa a ocupar o segundo lugar con 54 positivos -16 menos- e supéralle Vigo, con 70 -19 máis

A taxa de positividade sitúase, segundo datos actualizados ás 18:00 horas do día 28, no 6,2%, o que supón un lixeiro descenso respecto da xornada anterior. Continúa por riba do 5% recomendado pola ONU para ter ‘controlada’ a pandemia.

En canto aos casos activos -persoas que seguen diagnosticadas de covid-19-, Galiza rexistra un lixeiro aumento fronte á baixada das últimas xornadas. Así, Sanidade contabiliza 5.523 pacientes con infección activa, 15 máis respecto ao día anterior.

Doutra banda, unha xornada máis continúa en aumento o número de vítimas mortais que deixa a pandemia após o falecemento de 10 persoas máis, cun total de 1.380 falecidos, segundo a última cifra achegada por Sanidade.