Axudas económicas, garantías para a conciliación, permisos a parellas de feito... Estas son as novidades da Lei de familias

Unha nai pasea co seu bebé nun carriño. (Foto: Europa Press)
A ministra Ione Belarra celebra a aprobación dun texto lexislativo que, asegura, "remedia carencias históricas" para as familias.
  1. Axuda mensual
  2. Familias con maiores necesidades
  3. Conciliación e permisos
  4. Parellas de feito
  5. 'PIN parental'

O Consello de Ministros aprobou esta terza feira a nova Lei de familias, un proxecto lexislativo proposto polo Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030 que, entre outras cuestións, equipara os dereitos das parellas de feito aos dos matrimonios. A ministra de Dereitos Sociais, Ione Belarra, defendeu que se trata dunha lei que comeza a "remediar carencias históricas" e que "reforza a protección de todas as familias".

Na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros, Belarra destacou que a Lei de familias supón "unha das leis máis importantes deste curso político". "Calquera que teña fillos ou que vise criar, sabe o difícil que é conciliar a vida laboral e persoal en España, é practicamente ciencia ficción", lamentou Belarra, á vez que engadiu que até o momento se pediu aos pais e nais que sexan "superheroes" e, a partir de agora, van pedir "que sexan só pais e nais, que xa é bastante".

O texto da lei articúlase arredor de catro piares principais: a ampliación da protección social ás familias e o apoio ás crianzas; avanzar na garantía do dereito á conciliación; o pleno recoñecemento dos distintos tipos de familias que xa existen no Estado español, e o recoñecemento e protección dos dereitos dos nenos, nenas e adolescentes.

Axuda mensual

No que atinxe á ampliación da protección social ás familias, estenderase a 'renda crianza' de 100 euros ao mes para un maior número de familias con fillos e fillas de cero a tres anos. Segundo os cálculos deste departamento, esta medida beneficiará entre 200.000 e 250.000 novas nais a nivel estatal.

Dita ampliación inclúe todas as nais que estean a percibir unha prestación por desemprego, contributiva ou non, e tamén ás que, sen reunir os requisitos previamente, coticen 30 días a partir do parto. Tamén recibirán 100% da prestación as mulleres que teñan un emprego a tempo parcial ou temporal.

Familias con maiores necesidades

Ao mesmo tempo, créase a denominación de 'Familias con maiores necesidades de apoio á crianza' na que se inclúe as "familias numerosas", alén das monomarentais con dous fillos; as familias con dous fillos onde un ascendente ou descendente teña discapacidade; as familias con dous fillos encabezadas por unha vítima de violencia de xénero ou por un cónxuxe que obtivese a garda e custodia exclusiva sen dereito a pensión de alimentos, e as familias con dous fillos na que un proxenitor estea en tratamento hospitalario durante un ano ou ingresase en prisión.

Por outra parte, pasarán a considerarse familia con maiores necesidades de apoio á crianza "de categoría especial" as familias que até o de agora eran consideradas numerosas de categoría xeral como aquelas con catro fillos, no canto de cinco como até o momento; as familias con tres fillos en caso de parto múltiple, no canto de catro como na actualidade, e as familias con tres fillos e baixos ingresos —até 150% do IPREM—.

Conciliación e permisos

A respecto da garantía do dereito á conciliación, a lei crea tres permisos de coidados: un permiso por coidado de cinco días ao ano, retribuídos, para atender a un familiar até segundo grao ou convivente, que os traballadores ou traballadoras poderán utilizar en caso de accidente ou enfermidade graves, hospitalización ou intervención cirúrxica sen hospitalización que necesite repouso; un permiso parental de oito semanas, que se poderán gozar de forma continua ou descontinua, até que o menor cumpra oito anos e un permiso por ausencia por forza maior familiar que requira atención inmediata, que será de catro días retribuídos ao ano e que se poderá gozar por horas.

Aliás, estenderase o subsidio por nacemento e coidado non contributivo a adoptantes e familias de acollida; ampliarase a pensión de orfandade un ano, até os 26, e o permiso por coidado de menor con cancro ou enfermidade grave até os 26 anos en caso de discapacidade.

Parellas de feito

Sobre o recoñecemento dos distintos tipos de familias, a lei avanza na equiparación de dereitos entre os matrimonios e as parellas de feito, posto que estas últimas terán acceso aos 15 días de permiso por rexistro equiparábeis ao matrimonio. A lei crea tamén un novo marco de recoñecemento e protección para as familias LGTBI, con algún membro con discapacidade, familias múltiples, reconstituidas, adoptivas ou acolledoras.

En concreto, as familias múltiples, é dicir, aquelas que teñen varios fillos ou fillas á vez, serán consideradas como colectivo de especial protección e os fillos e fillas de parellas non casadas poderán ser inscritos no rexistro polo proxenitor non xestante.

'PIN parental'

O texto lexislativo tamén prohibe que os pais e titores impidan o acceso a contidos sobre diversidade familiar a través do coñecido como 'PIN parental' nos centros educativos; e mellórase o Fondo de Garantía do Pagamento de Alimentos, para o que se axilizan os trámites e que beneficiará tamén os fillos e fillas de parellas de feito, maiores de idade con discapacidade ou en situación de dependencia.