Laura Fernández, antes de recibir a eutanasia en Vigo: "Tiven unha boa vida e terei unha boa morte"

Laura Fernández. (Foto: Dereito a Morrer Dignamente)

A activista de Dereito a Morrer Dignamente recibiu esta terza feira a eutanasia por padecer un cancro terminal.

A activista de Dereito a Morrer Dignamente (DMD) Laura Fernández Abalde recibiu esta terza feira en Vigo a eutanasia por padecer un cancro terminal: "Eu tiven unha boa vida e terei unha boa morte".

Nun comunicado, a organización compartiu o caso desta muller de 67 anos de idade, que se despediu da vida na habitación 705 do servizo de paliativos do Hospital Meixoeiro, rodeada da súa familia e do equipo médico. Tal como manifestou a propia Fernández hai uns días, ela "nunca esperou un final de vida tan bonito", asegurando que "nin unha película de Hollywood" ten un "ramo" así.

Laura padecía un cancro terminal e faleceu como consecuencia da eutanasia solicitada o pasado 29 de outubro. "E fíxoo tras vencer as trabas burocráticas dun Servizo Galego de Saúde (Sergas) empeñado en facer unha lectura 'regulamentista' da Lei Orgánica de Regulación da Eutanasia (LORE). Finalmente, a insistencia de Laura e a súa repercusión mediática conseguiu o que parecía imposíbel: autorizar unha eutanasia na metade do prazo previsto", reivindicou DMD. Precisamente Laura Fernández levaba anos sendo activista e formando parte da dirección desta organización.

"Nos próximos anos, no noso Estado haberá que loitar para manter o conseguido coa Lei de Eutanasia, reclamar o seu cumprimento efectivo, e por iso a xente ten que reflexionar ben á hora de votar, e non apoiar a forzas ou partidos que tratan de restrinxir dereitos como a morte digna ou o aborto", indicou a falecida días antes, pondo en valor tamén o traballo das unidades de paliativos.

Fernández subliñou nas últimas semanas que afrontaba o final "sen medo", só co temor ás agullas necesarias para poñer as vías. "Será como unha anestesia total, unha morte feliz", indicou.

Cando algúns lle comentaban que o seu caso semellábase ao de Ramón Sampedro, Fernández apostilou que ambos "coincidían na loita", pero que a súa comezou en "gran medida" polo exemplo de Sampedro. "Pero Ramón tivo unha mala vida e unha mala morte. Eu tiven unha boa vida e unha boa morte", sentenciou.