Un labirinto de millo como espazo para gozar e lembrar

En Cacheiras, Teo.

Un labirinto deseñado nunha finca labrada para que crianzas e maiores gocen da sensación de "perderse nun campo de millo". O obxectivo é que as persoas que o visiten gocen dunha actividade en contacto coa natureza e dunha xornada distinta perdéndose e buscando a saída entre mazarocas. Así presenta o Concello de Teo esta oferta de lecer.

A leira de millo, un cultivo maioritario en Galiza pola súa utilización no sector agrario e gandeiro galego, representa "unha homenaxe a todas estas persoas, coidadoras do sector primario e visibiliza que, ademais da utilización propiamente forraxeira desta planta, é tamén neste caso un espazo para o esparexemento, o xogo e o ocio de toda a poboación".

As persoas que se acheguen ao labirinto encontrarán unha parcela de arredor dunha hectárea plantada a millo, á que poderán acceder de forma libre e gratuíta, "cunha entrada e carreiros intercomunicados no seu interior que levarán a unha única saída. A sensación de pasear polo seu interior e estar perdido podendo ver unicamente plantas de millo e o ceo é ben curiosa e impresionante".

Ademais, nas fins de semana, na entrada ao recinto, haberá servizo de cantina, máis concretamente as sextas feiras entre as 16 e as 20 horas e sábados e domingos de 12 a 20 horas. Tamén haberá, ao seu carón, unha zona habilitada para que as persoas poidan desfrutar dunha merenda campestre.

Igualmente, quintas e sextas de setembro haberá unha escape room como actividade complementaria, así como tamén está previsto que sirva de emprazamento para unha Festa de Apego durante o mes de setembro, actividades que se irán programando e anunciando na web municipal e redes sociais, tanto do Concello como da área de Turismo.

O labirinto de millo está situado nun espazo rural no lugar da Torre, na parroquia de Cacheiras, o que debe terse en conta para o acceso, localizando previamente esta instalación. Contará con baños públicos nas inmediacións. Entre as principais recomendacións para a súa utilización están que as crianzas deben manterse custodiadas en todo momento por responsábeis adultas e empregar os camiños habilitados para o paseo.