Francisco Jorquera: ''Contra actos inxustos a desobediencia civil está plenamente xustificada''

O deputado e voceiro do grupo parlamentar do Bloque na Cámara galega é unha das oito persoas sancionadas polo Goberno español cunha multa de 600 euros por ter participado no protesto que impediu o despexo de Aurelia Rei na Coruña. Considérano o líder da mobilización


Segunda feira, 18 de febreiro. Centos de persoas fan garda ás dez da mañá diante do número nove da rúa Padre Feijóo da Coruña. É a hora que aparece na orde de despexo ditada contra Aurelia Rei. O mobbing inmobiliario cebouse con ela até que abandonou a casa en que vivira máis de trinta anos. Porén, aquel 18 de febreiro non a deron botado. A cidadanía resistíu fronte á policía e conseguiron frear o lanzamento dúas veces en cinco horas. As denuncias non tardaron en chegar. Para alén das xudiciais, esta semana coñecéronse outras oito de carácter administrativo. Tres delas corresponden a outros tantos cargos públicos: os concelleiros na cidade herculina Xosé Manuel Carril (BNG) e César Santiso (EU) e o portavoz do Bloque no Parlamento galego, Francisco Jorquera. Falamos con él. 
 

Recibiu xa a notificación desa sanción ou continúa a se informar pola imprensa?

Hoxe non fun aínda pola casa, mais onte á noite non recibira nada. Entereime da apertura dese expediente pola imprensa. Paréceme unha demostración total e absoluta de falta de respecto polas formas por parte da subdelegación do Goberno.

É absolutamente incríbel que dunha banda se apele a que eu, presuntamente, vulnerei a legalidade alegando unha alteración da orde como razón para me expedientar e, pola outra, quen me sanciona vulnera as formas e non comunica a sanción ás persoas afectadas. Para alén doutros extremos como que, cando menos na información aparecida nese medio de comunicación --refírese a La Voz de Galicia, o xornal ao que lle foi filtrada a apertura do expediente-- os nomes das persoas aparezan deturpados e traducidos ao español. Considero que é total e absolutamente demostrativo da falta de respecto á legalidade por parte de quen apela á legalidade para xustificar esta sanción.

"Entereime da apertura dese expediente pola imprensa e paréceme unha demostración total e absoluta de falta de respecto por parte da subdelegación do Goberno"

Identifícano como 'cabeza visíbel' do protesto, unha terminoloxía que evoca tempos pretéritos. Á ditadura, concretamente.

Si, parece ser que nese expediente se me tilda de cabecilla... e efectivamente, a min evócame a linguaxe franquista. Mais hai un aspecto que me chama moitísimo a atención: eu o que fixen foi participar, canda a moitísimas outras persoas, nun acto cidadán para impedir a execución dun acto completamente inxusto como deixar unha anciá na rúa, en situación de desprotección social, executando un desafiuzamento. Froito das denuncias presentadas pola policía iniciáronse dilixencias xudiciais contra varias das persoas que participaron nese acto. Eu non estaba entre elas. 

E autoinculpouse, canda outras moitas, mais foilles rexeitado o escrito.

Si, solidariamente, porque consideramos que era unha acción colectiva e, por tanto, todos nos sentiamos corresponsábeis. Ao coñecer que se iniciaban esas accións xudiciais asinamos un escrito que cursamos ao xulgado correspondente indicando que nós tamén participaramos nesa acción para que a xustiza considerase que tamén debiamos ser citados xudicialmente.

Cal foi a resposta que nos deron? Que non había lugar, dado que non se presentara ningunha denuncia contra nós. Chama moito a atención que cando a resposta desde o ámbito xudicial foi esta, agora desde instancias gobernativas se me abra un expediente administrativo para me impor unha multa que contradí o propio informe policial no cal se fundamenta a denuncia presentada perante o xulgado.

Que deduzo? Que con este proceder a autoridade gobernativa o que quería evitar é que puidese persoarme nun xulgado para me defender eu e o que fixemos todos os cidadáns que estabamos alí optando por outra vía, que a min me deixa en total indefensión e me recorda tamén prácticas do franquismo. Creo que esta actuación define o carácter autoritario e represivo das autoridades gobernativas que temos aquí na Galiza. 

"Hai probas evidentes de que fun violentamente abaneado e tirado ao chan"

Esas autoridades gobernativas negaron tamén que aquel día se producisen cargas policiais. Xa que vostede estaba alí, díganos: como foi a resposta dos antidisturbios perante o protesto cidadán?

(ri) Houbo e quedaron reflectidas nas imaxes recollidas polos medios de comunicación. Eu fun empurrado de maneira violenta até o punto de que me derrubaron ao chan. E que agora as autoridades gobernativas narren unha versión dos feitos onde eu, presuntamente, actuei no sentido contrario, cando fun vítima desa actuación policial, ao igual que todas as persoas que estabamos alí, coido que se comenta por si propio.

Non hai ningún policía que poida alegar que foi lesionado por parte de ningún dos cidadáns que fixemos parte dese acto de desobediencia civil. Porén, si hai probas evidentes de que fun violentamente abaneado e tirado ao chan. 

Se mañá aparece outra 'Aurelia Rei', faría parte da acción para impedir o seu despexo? 

"Hai que impedir a súa aplicación das leis que son inxustas porque os dereitos cidadáns están por riba"

Por suposto! Eu non me teño por un inconsciente. Cando participei, xunto con moitos cidadáns, respondendo ao chamamento dunha plataforma cívica como Stop-desafiuzamentos para impedir ese feito vergoñento, sabía que podería carrexar consecuencias da índole que está a traer: unha multa gobernativa ou até outras de carácter legal.

Con todo, considero que hai que impedir a aplicación das leis que son inxustas porque os dereitos cidadáns están por riba. Quero lembrar que o principal propagandista e defensor da desobediencia civil foi Mahatma Gandhi: contra actos manifestamente inxustos está plenamente xustificada a desobediencia civil. Non quero ter máis protagonismo do que me corresponde como máis un cidadán que estaba alí. Se con este tipo de medidas o que queren é amedrentarnos, non o van conseguir.