Isidro Lago dimite como presidente do Consello Galego de Colexios de Médicos após cargar contra Sanidade

Isidro Lago dimitiu como presidente do Consello Galego de Colexios de Médicos (Médicos y Pacientes).
Esta cuarta feira, nunha rolda de prensa, Isidro Lago anunciou publicamente unha decisión que a pasada terza feira xa comunicara a cada presidente dos respectivos colexios tras a reunión que mantiveron co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.

O presidente do Consello Galego de Colexios de Médicos, Isidro Lago presentou a súa dimisión esta cuarta feira.

A decisión enmárcase nas discrepancias que a entidade mantén coa Consellaría de Sanidade despois de que o pasado 21 de decembro o Pleno da Xunta Directiva do Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra (que Lago tamén preside) ratificase por unanimidade a súa decisión de manter rotas todo tipo de relacións con Sanidade.

Esta cuarta feira, nunha rolda de prensa, Isidro Lago anunciou publicamente unha decisión que a pasada terza feira xa comunicara a cada presidente dos respectivos colexios tras a reunión que mantiveron co conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.

Segundo comentou Lago, "os presidentes do Consello solicitáronme de forma insistente que continúe no cargo", no que de momento ten que seguir en funcións, tal e como estabelecen os estatutos, en espera de facelo efectivo na próxima reunión deste órgano.

"Calquera dos demais presidentes, poderao facer mellor que eu", declarou Isidro Lago. "Eu estarei aí sempre, para colaborar co Consello Galego", engadiu.

Ademais, explicou que é "unha incongruencia" estar á fronte do Consello dada a postura que defende a entidade en Pontevedra. De modo que "tras meditalo moito, co apoio da Xunta Directiva de Pontevedra" presentou a súa disimión para que esta situación "non prexudique" ningunha das dúas entidades.

Isidro Lago lembrou que o pasado 23 de novembro o Colexio Oficial de Médicos de Pontevedra acordaba unanimemente romper todo tipo de relación coa Consellaría de Sanidade apuntando que "estabamos dispostos a retomar os mecanismos de comunicación ao noso alcance en aras ao ben común".

“Poñiamos a esperanza”

"Poñiamos a esperanza", indicou Lago, na reunión que tivo lugar o 29 de novembro entre o Pleno do Consello Galego de Colexios de Médicos e o presidente da Xunta, Alfonso Rueda que estivo acompañado polo conselleiro e a directora xeral do Sergas.

"O señor conselleiro logrou facer dunha produtiva e cordial reunión co presidente da Xunta, un fracaso persoal", asegurou Isidro Lago.

"O fracaso que supuxo a actitude do conselleiro foi tanto pola pobreza das súas achegas á mesma, como polas súas declaracións inmediatamente posteriores" que a xuízo do presidente do Colexio de Médicos de Pontevedra "non parecen ser produto da espontaneidade, máis ben dunha elucubración previamente estudada".

Esas declaracións, nas cales Comesaña dixo que os colexios querían fechar puntos de atención continuada (PAC), xa foron desmentidas tanto polo Consello Galego pola súa "falsidade" como polo propio presidente da Xunta, o que "roza xa unha auténtica deslealdade”.

“Ineficacia” de Comesaña

Ademais manteñen que "as respostas deste conselleiro, como dixemos no seu día, responden á ineficacia. Ao que se unen, a súa falta de seriedade, falsidades e deslealdades".

"Existen dúas realidades, as que ve o conselleiro e o seu equipo, e a realidade que percibimos os médicos e pacientes", apuntan para xustificar a decisión de manter rotas todo tipo de relacións coa Consellaría de Sanidade aínda que as mantén coas áreas sanitarias de Pontevedra e os seus xestores, que "aínda sendo cargos inferiores, son profesionais cualificados".