Investigan un veciño de Monterroso de 70 anos de idade por circular en dirección contraria pola A-54

Autovía A-54 de Lugo a Santiago de Compostela. (Foto: European Roads)
Varias chamadas de testemuñas alertaron de que na vía había un vehículo que circulaba en sentido contrario.

A Garda civil investiga un septuaxenario veciño de Monterroso (comarca da Ulloa) pola suposta comisión dun delito de condución temeraria tras circular en dirección contraria á altura do punto quilométrico 13 da A-54.

Os feitos remóntanse ao 27 de xaneiro, cando varias chamadas alertaron de que na vía había un vehículo que circulaba en sentido Nadela, pero utilizando a estrada reservada para ir cara a Santiago de Compostela.

Todo iso despois de efectuar un xiro de 180 graos en plena calzada, "pondo en perigo polo menos catro vehículos, cuxos condutores se viron obrigados a efectuar manobras evasivas ao obxecto de evitar a colisión", segundo explica a Garda Civil nun comunicado.

A pesar de que varias patrullas trataron de localizar o turismo, ese día as xestións foron infrutuosas.

A investigación

Con todo, iniciouse unha investigación e, grazas á colaboración cidadá, púidose identificar o condutor, que resultou ser un veciño de Monterroso de 70 anos de idade.

A Garda Civil lembrou que a condución dun vehículo de motor ou ciclomotor con temeridade manifesta e pondo en concreto perigo a vida ou a integridade das persoas está castigado no Código penal coas penas de prisión de seis meses a dous anos e privación do dereito para conducir vehículos de motor e ciclomotores por tempo superior a un e até seis anos.