Investigan un presunto caso de acoso escolar racista a un alumno de 13 anos no CPI Cova Terreña de Baiona

Exterior do CPI Cova Terreña, en Baiona. (Foto: Google Maps)

O centro abriu un expediente e denunciou ante o cuartel unhas pintadas que poderían estar relacionadas co caso, mentres a Fiscalía de Menores asumirá a investigación.

A Garda Civil abriu unha investigación sobre un presunto caso de acoso escolar con agresións, insultos e humillacións a un alumno de 13 anos no Colexio Público Integrado (CPI) Cova Terreña, situado no concello de Baiona (comarca de Vigo).

Segundo fontes próximas ao caso, trátase dun episodio de acoso con connotacións racistas, no que un grupo de estudantes de arredor de 15 anos tería participado en repetidos golpes, insultos e vexacións cara ao menor, alumno do propio centro.

A dirección do CPI Cova Terreña confirmou a apertura dun expediente interno e presentou unha denuncia na Garda Civil despois de que nos últimos días aparecesen pintadas nas paredes da escola, que poderían gardar relación coas medidas adoptadas pola dirección para abordar o caso.

A Comandancia de Pontevedra indicou que a investigación está aberta de oficio e que os feitos serán trasladados á Fiscalía de Menores, organismo competente en materia de violencia e acoso entre estudantes.

Tamén en Vigo

Este é o segundo caso de acoso escolar que transcende na comarca na última semana. E é que o pasado 22 de outubro a Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e FP confirmou a apertura dunha investigación por un suposto caso de acoso escolar a unha nena de 5 anos no colexio concertado Monterrey, situado nas inmediacións da Travesía de Vigo, no barrio de Teis.

Os pais alertaron de que un grupo de alumnos de sexto de Primaria, de arredor de once anos, acosaba a nena durante os recreos, agarrándoa, tirándolle do cabelo, quitándolle os zapatos e chegando mesmo a agredila. A vítima cursa primeiro de Primaria, o que duplica a diferenza de idade cos presuntos agresores.