Investigan a causa dun foco de salmonelose en Oza-Cesuras, con 94 persoas afectadas

Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac). (Foto: Nós Diario)
A Consellaría indica que está en contacto co Concello de Oza-Cesuras como responsábel da autorización do evento para poder identificar os operadores de restauración que se instalaron no festival decorrido no municipio esta fin de semana.

A Consellaría de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública, investiga a causa dun foco de salmonelose detectado en Oza-Cesuras (As Mariñas), con 94 persoas afectadas, segundo a información facilitada polo departamento.

En relación ao mesmo, sinala que se están realizando enquisas epidemiolóxicas entre as persoas afectadas para poder identificar a orixe da intoxicación alimentaria que se produciu nun festival decorrido no municipio.

Sobre as evidencias recollidas até o momento, Sanidade sinala que "fan pensar nunha orixe bacteriana" e engaden que se están investigando os posíbeis alimentos que causaron o foco, así como os establecementos que poderían estar implicados.

Ademais, indica que está en contacto co Concello de Oza-Cesuras como responsábel da autorización do evento para poder identificar os operadores de restauración que se instalaron no festival decorrido no municipio esta fin de semana.

As persoas afectadas foron derivadas a hospitais da Coruña como o complexo hospitalario universitario (Chuac) ou o centro privado HM Hospitais. Desde este último centro, consultado por Europa Press, indicaron que atenderon 26 pacientes, ningunha destas persoas con cadro grave. Delas, 25 foron derivados a casa cun tratamento específico e unha persoa permanece en urxencias en observación. No Chuac, atenderon máis de 50 persoas.