Unha intoxicación alimentaria nun comedor escolar da Caniza afecta 50 crianzas e adultos
A Xunta da Galiza activou o protocolo do Sistema de Alerta Epidemiolóxica da Galiza após detectarse unha posíbel intoxicación alimentaria cunhas 50 persoas afectadas, entre nenos e adultos, no comedor do CPI da Caniza (A Paradanta).
Segundo confirmaron fontes da Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e FP, esta quinta feira a última hora da tarde acudiron unhas 50 persoas ao PAC da Caniza con síntomas de intoxicación alimentaria. Tratábase tanto de alumnado (de distintas etapas) como de adultos que vixían o comedor do CPI da Caniza, e todos presentaban síntomas leves.
Os servizos técnicos das consellarías de Educación e de Sanidade puxéronse en contacto co centro e cos servizos sanitarios para coordinar a atención e activouse o protocolo do Sistema de Alerta Epidemiolóxica para "estudar a orixe do brote, causas e factores que puideron intervir".
A respecto diso, as mesmas fontes informaron de que xa está "en marcha" a inspección ao colexio e ao comedor, por parte dos equipos de Inspección de Saúde Pública do departamento territorial de Sanidade en Pontevedra.
Con todo, desde a consellaría apuntaron que o número de usuarios deste comedor escolar, xestionado pola Xunta, é de 532 e que só 50 presentaron ese cadro que, no entanto, "débese investigar para aclarar".
Situación controlada
Pola súa parte, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, confirmou, en declaracións aos medios en Pontevedra, que este xoves visitaron varios centros sanitarios medio centenar de afectados por esta intoxicación e que o Sergas "xa tomou as medidas necesarias". "Desde o primeiro momento estivo a avaliarse a situación, que xa está controlada", incidiu.
Segundo apuntou, situacións como esta "poden pasar", aínda que "non gustan", e lembrou que o comedor deste centro é o comedor escolar máis grande da Galiza, con máis de 530 prazas. Con respecto á orixe da intoxicación, o conselleiro sinalou que se apuntou inicialmente a "unha especie de salmonelose", pero evitou confirmalo, posto que deben ser os profesionais de Sanidade os que ratifiquen esa información.