Intervidos perto de mil paquetes de tabaco nun coche en Sanxenxo

Vehículo cos paquetes de tabaco incautados. (Foto: Europa Press)

Confeccionouse acta de denuncia por infracción da lei de represión do contrabando contra o condutor, un mozo de 21 anos.

A Garda Civil incautou case un milleiro de paquetes de tabaco que un mozo de 21 anos de idade levaba nun vehículo, co que circulaba por unha vía de Vilalonga, en Sanxenxo (O Salnés).

Segundo confirmaron fontes da Comandancia de Pontevedra, a intervención produciuse durante un dispositivo operativo no que os axentes deron o alto a este vehículo, ao observar que non levaba posta a bandexa de atrás e que sobresaían do maleteiro dúas caixas brancas de grandes dimensións.

Ao preguntar polo contido das caixas, o condutor quedou calado e finalmente respondeu que o descoñecía. Ante a súa actitude sospeitosa, os axentes instárono a abrir unha delas e comprobaron que estaba chea de cartóns de tabaco sen precinto nin selo.

Por estes feitos realizouse unha acta de comiso, e aprehenderon un total de 990 paquetes. Así mesmo, confeccionouse acta de denuncia por infracción da lei de represión do contrabando contra o condutor, que recoñeceu que ambas as caixas eran súas.