Os interinos de Educación poderán seguir nas listas sen presentarse ás oposicións na Galiza

Exame de oposición decorrido en xuño de 2023. (Foto: Francisco J. Olmo / Europa Press)

A medida, que aínda debe saír publicada no Diario Oficial da Galiza, aplicarase só para persoal que teña posto consolidado.

CCOO-Ensino, ANPE, CSIF e UXT-SP emitiron un comunicado explicando que, finalmente, eliminarase a obrigatoriedade para os docentes de matricularse e presentarse ás oposicións para manterse nas listas de interinidade da Consellaría de Educación.

Apuntan, con todo, que esta obriga suprímese só para o persoal que teña posto consolidado. Así, para o persoal non consolidado ou para o que se incorpora ás listas, segue sendo necesario presentarse ás oposicións.

Os sindicatos defenden esta medida argumentando que permite a optimización dos tribunais de oposición e redución da carga burocrática e organizativa, dado que a "asistencia masiva e por mero trámite aos procesos selectivos xeraba unha sobrecarga de xestión para os tribunais".

Defenden que, con esta medida, permítese tamén unha repartición de prazas "máis xusto". "Corríxense situacións inxustas como que un tribunal recibise máis prazas que outras, só polo feito de ter maior número de persoas presentadas, ao obrigar a persoal interino ou substituto a presentarse para non decaer das listas.

Tamén facilita, apuntan, a conciliación e a loxística familiar, pondo fin aos desprazamentos obrigatorios motivados unicamente por un trámite administrativo.

Por último, apuntan á seguridade xurídica e á estabilidade. "Adaptamos as listas de interinidade e substitucións a un modelo de xestión máis avanzado e eficiente, garantindo que a permanencia en listas do persoal docente quede debidamente acreditada polo seu traballo efectivo, sempre tendo en conta as causas e número de renuncias xustificadas", explican.

O acordo está pendente de saír recollido no Diario Oficial da Galiza (DOG).