Denuncian "máis recortes" en centros de ensino por unhas instrucións de Inspección que permiten aulas de ata 27 nenos

Román Rodríguez, conselleiro de Educación. (Foto: Xunta da Galiza)

Para calcular desdobres e agrupamentos só se terá en conta o alumnado ‘real’ e todo o profesorado realizará reforzo sexa ou non especialista en atención á diversidade, segundo a central sindical. 

A CIG-Ensino afirma que está a recibir durante este mes de xullo múltiples chamadas de centros que amosan a súa preocupación pola falta de dotación de persoal para atender o alumnado con diversidade de cara ao vindeiro curso á vez que realizan consultas sobre a normativa de agrupamentos e desdobres “ante as novas instrucións da Consellaría a este respecto”.

Unha das máis rechamantes é que non se autorizarán desdobres nas aulas que teñen como ratio máxima 25 (todos os cursos agás 4º e 5º de infantil) até que cheguen aos 28 “reais”, sen ter en conta discapacidade, dependencia ou trastorno de conduta debidamente acreditado. É dicir, nin con 26 nin con 27 estudantes, “o que implica un flagrante incumprimento da lexislación vixente, que só autoriza o incremento dun 10% de matrícula no caso de incorporación tardía ás aulas (cambio de residencia ou traslado de centro fundamentalmente)”.

A CIG-Ensino tamén denuncia unha falta de criterio claro sobre os agrupamentos, o que leva a que nalgúns centros se pase de ter os tres ciclos de primaria separados a agrupar de 1º a 3º nunha aula e de 4º a 6º noutra, “con graves consecuencias pedagóxicas para ese alumnado, así como a negativa a enviar as vacantes destas etapas para a súa negociación nas Xuntas de Persoal provinciais”.

Estas e outras novidades foron constatadas pola CIG-Ensino nun documento de instrucións internas dirixido ás inspeccións no que se afonda nos recortes e na “optimización de recursos” ao máximo, “sen que á administración lle pareza importar en absoluto o benestar e a atención do alumnado”.

Máis recortes e incumprimentos legais

Ademais do relativo aos desdobres, nas instrucións tamén se inclúe o incumprimento do catálogo de postos de traballo nos centros de infantil e primaria, aprobado no ano 2007, que contou co aval da CIG-Ensino e que está plenamente en vigor, apunta a central nacionalista.

“A dotación dunha mestra de Infantil de apoio por cada tres unidades non estivo nunca en función, nin debe estar, do número de alumnado en cada aula”. Porén, no documento remitido ás inspeccións indícase expresamente que non se autorizarán apoios “independentemente do que apareza na aplicación UPT Centros/Catálogo” e que para poder acceder ao primeiro haberá que reunir 46 nenos e nenas en 3 unidades e 92 en 6 unidades. Isto parece confirmar a intención de que as unitarias ou aqueles con centros con menos desa matrícula non conten co apoio que si lles corresponde.