Inspección de traballo requerirá unha solución á xerencia do CHUS ante a acumulación de pacientes nos corredores

Pacientes nos corredores do CHUS (Foto: Asociación de Pacientes e Usuarios do CHUS).
A doutora de urxencias e delegada de prevención do sindicato O'Mega, Fátima Nercellas, reclama a dimisión de Eloína Núñez, xerente da área sanitaria.

A doutora de urxencias e delegada de prevención do sindicato O'Mega, Fátima Nercellas, enviou este domingo un correo electrónico á xerente da área sanitaria de Compostela e O Barbanza, á directora de recursos humanos da área, ao director asistencial e ao coordinador dos servizos de urxencias do Centro Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS).

“Onte (polo sábado) veu a inspectora de traballo polo asunto dos corredores de urxencias deste servizo, mal usados como almacén de pacientes múltiples días”, explicou a doutora.

“É un problema crónico que, a xerencia manteña plantas fechadas e mal use o noso servizo como zona de pacientes ingresados, chegando esta semana algún día a 40 con ingreso asinado, co que non queda espazo e a demanda de pacientes graves acumúlase no corredor de entrada”, proseguiu Nercellas.

“Non só iso, chegouse en tres ocasións a abrir o corredor de observación para pór alí pacientes ingresados. Decisión do coordinador e da xerencia. Esa foi a gota que colmou o vaso e motivou a denuncia a inspección de traballo”, afirmou a profesional.

“Deixounos claro a inspectora que todos eses corredores son vías de tránsito e evacuación e teñen que estar libres, e que fará un novo requirimento a xerencia neste sentido”, relatou a representante de O’Mega.

“Os técnicos de prevención xa o sabemos. A xerencia tamén o sabe e fai caso omiso. Xestiona recursos por encima da nosa saúde e da do paciente. Mais neste caso ademais incumpre de modo repetido a normativa laboral, denunciou Necerllas. “É por isto que desde a Consellaría terían que ser cesados. De que sirve ter a xente así na nobre labor de dirixir un área sanitaria”, preguntou a sanitaria.

“Anos sufríndoos, anos de deterioro da calidade asistencial con fugas de persoal a outras áreas, non hai mais que ver o descontento do persoal nas últimas manifestacións. Nada do que digo aquí é descoñecido na Consellaría”, continuou a sindicalista.

“Hai unhas últimas ideas circulando polo hospital e que a min me parecen ben, concentrarnos todos na entrada e non saír de aí até que marche esta xerencia enteira, comezando por Eloína Núñez (xerente da área sanitaria de Compostela e O Barbanza). Consultareino cos avogados”, sinalou Nercellas. “Cumpran a normativa laboral, só queremos traballar en paz”, culminou a sanitaria.