Inspección de Traballo recoñece a existencia de relación laboral do profesorado do Celga coa Xunta

Os profesores de Celga para adult@s si tiñan relación laboral

Un informe determina que si existe "relación laboral". A Administración galega terá de abonar arredor de 300.000 euros por non ter dado de alta na Seguridade Social ás e aos profesores de cursos de galego para adultos.

Un informe da Inspección Provincial de Traballo da Coruña dá a razón á asemblea do profesorado de formación en galego de persoas adultas que organiza a Secretaría Xeral de Política Lingüística e entende que si existe relación laboral das e dos docentes coa Xunta.

Inspección de Traballo propón unha sanción económica de 300.000 euros á Xunta por non ter dado de alta na Seguridade Social ás e aos profesores que imparten cursos de galego para adultos. Esta cantidade será, no cómputo final galego, moi superior, ao ser previsíbel que as inspeccións de traballo do resto das provincias da Galiza ditaminen no mesmo sentido que a coruñesa.

A asemblea do profesorado tamén aspira a que se recoñeza a relación laboral no resto de funcións que desempeña para a SXPL, tais como os cursos de linguaxes específicas, cursos en liña e avaliacións.

"A Consellaría mentiu"

Enfatiza a asemblea do profesorado que "este recoñecemento por parte da Inspección de Traballo demostra que a Consellaría de Educación mentiu cando, en dúas comparecencias parlamentarias na comisión de Cultura e Educación e a través dunha nota de prensa colgada na súa web, afirmou que estabamos traballando conforme á lei, a través de contratos de obra e servizos".

Tamén entende que esta "nova situación" debe servir como ponto de partida para "repensar unha nova maneira de xestionar o sistema Celga".

En que sentido? No momento en que xa estarían garantidos os "dereitos laborais" do persoal ao servizo "da formación de adultas/os" o lóxico, estima a asemblea, é que se críe un "grupo estábel de traballadores/as que se encarguen de desenvolver todos os traballos relacionados coa formación de adultos da SXPL".