A Iniciativa Galega pola Memoria cre "impresentábel" que Capón non demitise

O colectivo pide mesmo "avanzar no proceso de ilegalización" do PP se continúa "na súa deriva fascista"

 

 

Con motivo do pleno extra-ordinario desenvolvido esta quinta feira en Baralla, a Iniciativa Galega pola Memoria considera "impresentábel" que o rexedor da localidade, González Capón, non tivese demitido. Neste senso, alertan da "deriva fascista" do Partido Popular ao abeiro, din, da "multitude de pronunciamentos" que se teñen levado a cabo pola súa militancia. 

"O feito gravísimo de que o alcalde de Baralla, o Sr. González Capón, non presentase a súa demisión por ter xustificado o asasinato de demócratas polo franquismo é motivo de abondo para a inhabilitación como cargo público, cousa que esiximos dende xa", sinalan no comunicado feito público esta quinta feira.

A Iniciativa pide "avanzar no proceso de ilegalización do PP" se prosegue "na súa deriva fascista"

Para a Iniciativa, os pronunciamentos públicos de militantes do PP "a prol do franquismo e da barbarie franquista" que non están a ser desautorizados pola dirección política do partido, devolve "ás súas raíces totalitarias" o PP. 

Neste senso, aseguran que desenvolverán "todos os esforzos" cos que contan xunto cos colectivos e persoas que a título individual traballan pola recuperación da memoria " para denunciar a xustificación e lexitimación da súa represión e esixir responsabilidades aos que os executaron e a quen os ampara e defende".